O diario de Faustino Vázquez foi redactado entre os primeiros días da guerra, en xullo de 1936, e decembro dese mesmo ano. Durante ese tempo, segundo explica Emilio Grandío, nótanse importantes cambios na súa escrita.
-¿Que se pode dicir do estilo en que está escrito o diario?
-Ao principio escribiuno con bastante coidado, ao parecer coa idea de que se publicase algún día. Faustino Vázquez tiña certa experiencia porque intentara un par de veces traballar como xornalista, o que non logrou porque se expresaba dunha forma demasiado impulsiva, que nota precisamente no seu diario. Na primeira etapa, por exemplo cando falaba dos sucesos de Monforte durante os primeiros momentos da sublevación. escribía tres ou catro páxinas por día e depuraba o seu estilo, pero a medida que avanzaba a guerra na frente de Asturias, onde foi enviado, foise volvendo moito mais escueto. Ao final escribía moi pouco cada día, ás veces só unha liña, e deixaba de lado esa vontade de estilo, como se os acontecementos da guerra o superasen.
-¿É seguro que nunca se afiliou a ningún partido?
-Non encontrei ningún dato que indique que pertencese a algún grupo concreto, aínda que simpatizaba evidentemente cos valores democráticos da República. Faustino Vázquez era unha persoa normal da súa época, un rapaz de Monforte ao que lle gustaban as festas e as mozas e que se identificaba cos valores republicanos como moita outra xente de procedencia obreira. Xa era militar na etapa democrática e permaneceu fiel a esa cultura cando comezou a guerra.