«A miña bandeira é Monforte, por riba diso non hai nada»

Carlos Cortés
carlos cortés MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

O actual alcalde está convencido de poder revalidar a maioría absoluta

18 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

severino rodríguez candidato do bng á alcaldía de monforte

Severino Rodríguez sorprendeu no 2007 cunha maioría absoluta coa que case ninguén contaba. Catro anos despois, o alcalde de Monforte di estar persuadido de que mantén o respaldo popular necesario para seguir gobernando sen dependencias.

-A súa terceira candidatura parécese moito non xa á segunda, senón incluso á primeira. ¿Non era tempo de introducir caras novas?

-Non, porque cando un equipo funciona ben hai que melloralo, pero non hai por que cambiar as persoas. O único cambio que aplicamos vén dado porque o concelleiro de Deportes [Xosé Lois Losada] prefería ir máis abaixo, pero co compromiso de que no caso de que saia elixido, e nesa vida non hai nada imposible, asumirá a responsabilidade. Non é só que este equipo sexa bon, é que estou orgulloso del.

-¿Se a investigación sobre a casa do concelleiro de Obras, Xosé Manuel Pavón, non se chega a arquivar, tamén repetiría?

-Nunca contemplamos esa posibilidade, porque sabíamos que fixéramos as cousas completamente legais. Sempre actuamos con moita prudencia e respecto á xustiza, que acabou dicindo o que tiña que dicir.

-¿Que é máis difícil, conseguir a maioría absoluta ou conservala?

-Conseguila é difícil para todos. Éo para o PP e aínda máis para o BNG. Pero estou convencido de que vamos revalidar a maioría, porque creo que somos a candidatura que recolla a sensibilidade e sentimento de Monforte, por riba das siglas de cada partido.

-Houbo actos seus nesta campaña nos que chamaba a atención a ausencia das siglas do BNG.

-En política non hai que alardear de nada, hai que facer cousas. Todo o mundo sabe que eu son do BNG, que a lista é do BNG. Nós somos a bandeira do BNG e non necesitamos alardear da bandeira da nosa organización.

-¿Que tal a súa relación persoal con José Tomé?

-Xa dixen unha vez que se equivocou de obxectivo estes catro anos. Pero cada un fai o que cre que debe facer. Como alcalde, todas as persoas me merecen o máximo respeto.

-Póñase no caso de que non hai maiorías absolutas. ¿Que lle dá máis preguiza, pensar en pactar un goberno a medias co PSOE ou tratar de aguantar o mandato enteiro en minoría?

-As cousas ao seu ritmo. Nós aspiramos a revalidar a maioría. Xa o pensaremos cando toque, se toca.

-¿Queda moito por facer no que vostedes chamaron plan de humanización da cidade?

-Un proxecto nunca se acaba, cada vez que solucionas un problema aparecen outros. Ningúen pode discutir a transformación urbanística de Monforte, pero cando unha cidade se transforma así só os que non queren recoñecer a verdade din que o único que se fixo foi cambiarlle a cara. A reforma urbanística non é un simple cambio de cara. Faise, primeiro, porque queremos unha cidade para os cidadáns, e tamén porque na medida que a fagamos máis moderna e atractiva atraerá a máis xente, e iso acaba creando riqueza e emprego.

-¿A reforma da ponte nova será un obxectivo fundamental para este novo mandato?

-É un proxecto máis. Detrás de cada proxecto sempre está o obxectivo de mellorar a actividade económica da zona na que se fai. Por iso pensamos no centro do viño, na reforma da praza de abastos, na do centro da terceira idade, no centro de iniciativas empresariais da Estación, ou na nova ponte da Acea de Olga, que revitalizará os barrios de Covas e Carude. Na ponte nova, queremos por un lado humanizar algo que agora é completamente amorfo, facendo balcóns para cada lado nos que a xente se poida sentar, pero tamén queremos recuperar unha imaxe da historia de Monforte, aínda sen pretender refacer completamente a estrutura de ferro.

-Nunha soa frase, ¿por que deberían votar por vostede?

-Porque eu teño unha única bandeira, Monforte, por iba diso non hai nada.