«Un autor capaz de conmover a toda a humanidade»

La Voz

LEMOS

28 abr 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Lino Braxe, que conta cunha extensa carreira literaria á marxe do seu labor como actor, coñeceu persoalmente a Lois Pereiro e nos anos 80 formou parte xunto con el do grupo poético que publicou as dúas antoloxías tituladas De amor e desamor. En opinión de Braxe, o poeta monfortino non pode considerarse de ningún modo como un autor local. «É un autor de primeira liña capaz de conmover a toda a humanidade e compite con nomes como Rimbaud, Baudelaire, Dante, Samuel Beckett, James Joyce ou Thomas Bernhard», afirmou a este respecto. «Non é simplemente o autor dunha autonomía ou rexión», engadiu.

Braxe insistiu tamén en que a Lois Pereiro «non hai que canonizalo nin facer academia con el, senón manter viva a súa obra onde ten que estar, no contacto co público e cos lectores». Polo que respecta a Mundo Lois, definiuno como «un paseo pola obra de Lois Pereiro» concebido «co máximo respecto» e coa intención de «atraer o público a un autor moi especial». A montaxe, agregou, pretende funcionar como «unha pequena partitura musical» que combina textos, imaxes e música.