Para esta semana está previsto terminar o proceso de montaxe de Contra a morte, a longametraxe documental sobre Lois Pereiro que dirixen Alexandre Cancelo e Iago Martínez, filmada en boa parte en Monforte. A produtora coruñesa IB Cinema, impulsora deste proxecto, mantén a intención de estrear o filme na cidade natal do poeta, nun acto que será organizado e colaboración co Concello. A data da estrea aínda non foi fixada e polo momento non se sabe se poderá celebrarse ou non antes do 17 de maio.
A realización de Contra a morte comezou antes de saberse que o Día das Letras Galegas do 2011 estaría dedicado a Lois Pereiro. En principio estaba previsto ter o filme terminado para finais do pasado ano, pero -segundo explican desde a produtora- o proceso de montaxe foi máis longo do que se esperaba debido á grande cantidade de material filmado con que traballaron os seus autores.