Un libro reconstrúe a historia da antiga encomenda da Orde de Malta
14 abr 2011 . Actualizado a las 06:00 h.O historiador Isidro García Tato presenta mañá na Casa de Cultura quiroguesa -ás 20 horas- un extenso estudo sobre a Encomenda de Quiroga que realizou en colaboración con Eleutino Álvarez. A obra foi presentada por primeira vez o ano pasado en Santiago, na sede do Instituto Padre Sarmiento, e abranxe toda a historia desta antiga posesión da Orde de Malta.
-¿Durante canto tempo existiu a Encomenda de Quiroga?
-Non se sabe con certeza cando foi fundada, porque a documentación sobre o seu período medieval é escasa. As noticias máis antigas que temos son de mediados do século XII. Ao principio os seus dominios eran moito máis pequenos e foron crecendo con doazóns que lle fixeron reis e nobres. No século XV adquiriu a súa forma definitiva e xa non creceu nin decreceu. O seu territorio seguiu sendo praticamente o mesmo ata que desapareceu coa Desamortización de 1848.
-¿Desde onde foi o gobernada durante este tempo?
-O seu centro administrativo estaba no castelo dos Novaes, mal chamado de Torre Novaes, que é un título nobiliario creado en 1851. O castelo foi construído no século XIII e e alí estaba a residencia do comendador da Orde de Malta ou de San Xóan de Xerusalén, a quen correspondía a administración civil e xudicial dos dominios da Encomenda. Pero había tamén un goberno eclesiástico que era exercido por un vicario xeral, cuxa residencia estaba xunto á igrexa de San Salvador de Hospital.
-¿Ata onde chegaba o poder dos comendadores?
-Hai que precisar que a sua xurisdicción civil e criminal se limitaba ao dominio señorial da Encomenda, que estaba reducido aos territorios dos actuais municipios de Quiroga e Ribas do Sil, ademais dalgúns coutos no Incio e noutros lugares. A Encomenda posuía moitas máis terras dentro e fóra de Galicia, pero eran simplemente fincas que se cedían en arrendamento. No dominios señorial, en cambio, os comendadores ostentaban o poder civil e xurídico, arrecadaban tributos, controlaban a orde pública mediante un corpo de alguacís... A Encomenda tiña tres prisións no castelo dos Novaes: unha de homes, outra de mulleres e outra reservada para eclesiásticos. O comendador non tiña por que ser un clérigo, ao contrario que o vicario xeral, pero si debía ser unha persoa célibe. O cargo foi exercido habitualmente por fidalgos, que tiñan que probar que non descendían de xudeus nin de mouros e que non vivían do traballo manual. Tamén houbo moitos comendadores absentistas que delegaban nun administrador e que nunca viviron na comarca.
isidro garcía tato historiador