Libia, as orellas do lobo

Rubén Eyré

LEMOS

31 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Non hai meses que Al-Gadafi, se paseaba con máximos honores por Europa adiante. Semellaban ficar lonxe as axudas económicas que, este persoeiro, prestou no seu día ao chamado terrorismo internacional. Todo iso esquenceron os dirixentes oucidentais ao servicio do imperialismo. Máis é, a intoxicación informativa, até hai un chisco, presentábanos a Libia como exemplo de modernización no norte de África.

Entón, que pasou para virárense as tornas. Que foi, para que Gadafi sexa hoxe un inimigo a bater. O conto de ceibar aos pobos dos tiranos está esgotado. Ademais, aquí de tal real opresión, hai tempo que nada se dicía. Todo se silenciaba, mentras se facían os negocios co petróleo.

Calquera que reflexione neste novo conflito, sospeitará outro Iraq. Nada isto ten que ver coa pacificación dos libios, nin con democratizar ese país, nin con ningún «principio de humanidade». Tres cínicos argumentos para agochar o obxectivo real.

Non obstante, intentaron vender mellor o produto. Primeiro propician e activan a revolta. Logo din que se está masacrando na poboación civil. Mostran imaxes afumadas, onde nada se ve para que todo se escoite. Axiña chegan feridos aos hospitais, sen nós acertar quen dos dous bandos lles fixo as mancaduras. Despois un anfibolóxico reconto de mortos, onde se adiviña máis o que calan co que nos contan. Pero, en todo caso, iso chegou para xustificar tal brutal intervención.

Habería que golpear esta onda revolucionaria nos países árabes. Non sexa que o aliado que alí tiñan á forza se lles puidese trocar no adversario que sempre quixo ser.