Lucía Pérez e Ángel Carreira

Xulio Xiz

LEMOS

Lucía Pérez é unha rapaza do Incio que está competindo para representar a España en Eurovisión. Se o consegue, é un triunfo definitivo na súa carreira; se non, será un paso de xigante desta rapaza fermosa e risoña que loita para situarse no mundo da canción. Ángel Carreira é un lucense que comezou a traballar en Antena 3 hai uns anos, e agora aparece como enviado especial no Cairo para informar do clima existente naquel país, froito da situación política e do contaxio doutras zonas do norte de África. Lucia e Ángel naceron ao mundo da comunicación na antiga Televisión Lugo, ao final dos noventa, cando eran dous rapaces de arredor de quince anos. Lucía viña participar no programa A carón da lúa, da noite dos venres, evidenciando que ía ser unha gran artista, sendo xa unha grandísima promesa. Ángel chegou da man de Isidoro Rodríguez, de María Castaña, cunhas tremendas ansias de aprender, para ler noticias, presentar programas e conseguir ser un auténtico profesional a forza de entusiasmo e de constancia. Velos estes días como protagonistas en TVE e Antena 3, camiñando firmes nun mundo tan competitivo e difícil, dáme unha satisfacción tremenda ao comprobar como dúas vocacións que agromaron na primeira mocidade se poden consolidar deste xeito, e ver que dous lucenses teñen protagonismo a nivel de todo o Estado, tendo comezado a existir de cara ao mundo nunha televisión local, nunca suficientemente valorada, nunca entendida abondo, que só con estes dous exemplos tería xustificado plenamente a súa existencia.