A editorial Ouvirmos publica un libro que recolle documentos gráficos e sonoros sobre o poeta monfortino
22 dic 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Antes de finalizar o ano xa están aparecendo as primeiras publicacións dedicadas ao poeta monfortino Lois Pereiro, protagonista do Día das Letras Galegas do 2011. Recentemente, o pintor e escritor Antón Patiño presentou Radiografía do abismo , un ensaio sobre a vida e a obra de Pereiro. A editorial Ouvirmos, radicada en Sarria, acaba agora de editar Lois Pereiro. Fotobiografía sonora , que recolle unha abundante documentación audiovisual sobre o autor de Poesía última de amor e enfermidade .
A edición consiste nun libro que reúne, por unha parte, máis dun centenar de fotografías inéditas do poeta, tiradas de álbumes familiares, que son comentadas polo seu irmán, o xornalista e escritor Xosé Manuel Pereiro. O volume complétase con dous cedés, un dos cales contén unha entrevista radiofónica con Lois Pereiro -pouco tempo antes da súa morte- realizada pola escritora Ana Romaní. No segundo cedé recóllense varios poemas de Pereiro musicados polos grupos Radio Océano, Fanny+Alexander e Nación Reixa e os compositores Manuel Clavijo e Alexandre González. Estes documentos sonoros son comentados, tamén a través de gravacións, polo escritor Lino Braxe e o músico Xurxo Souto.
O libro foi publicado dentro dunha colección de Ouvirmos na que anteriormente foron editadas outras obras con este mesmo formato, dedicadas respectivamente a Álvaro Cunqueiro e Federico García Lorca.
Para os próximos meses está tamén prevista a publicación de Cartas ultramariñas , un volume con textos inéditos de Lois Pereiro que prepara Edicións Positivas.
O próximo ano, así mesmo, estrearase Contra a morte , unha longametraxe documental sobre o poeta realizada por Iago Martínez e Alexandre Cancelo e coproducida pola empresa IB Cinema e a Sociedad Estatal de Comemoraciones. A intención dos responsables do filme é presentalo en Monforte, nunha data que aínda non se concretou.