O sacerdote Juan Marcial Pereira foi distinguido co título honorífico da peña gastronómica monfortina O Tizón
21 dic 2010 . Actualizado a las 02:00 h.A torre da homenaxe da fortaleza de San Vicente do Pino foi onte escenario dun acto honorífico no que o protagonista foi o sacerdote Juan Marcial Pereira Fernández, párroco de Piñeira, que desde o ano pasado ostenta o cargo de arcipreste de Monforte. A peña gastronómica O???????Tizón distinguiu ao relixioso co título de «cabaleiro», unha honra que xa lle fora concedida anteriormente ao alcalde Severino Rodríguez, ao seu predecesor Nazario Pin e ao profesor pontevedrés Demetrio Jorge Boullosa.
Na cerimonia, Juan Marcial Pereira recibiu os regulamentarios toques de espada nos ombros e un diploma acreditativo antes de compartir un aperitivo e un viño da Ribeira Sacra cos socios da peña e numerosos convidados.
Traxectoria persoal
Segundo o presidente da asociación, Mariano Rodríguez Cedrón, na concesión deste título honorífico non se segue ningún criterio específico de selección. «Trátase simplemente de homenaxear publicamente a quen nós entendemos que merece un recoñecemento pola súa traxectoria persoal -explica-, sen guiarnos por un motivo concreto ou por algún feito recente en particular». A única condición é que o homenaxeado non sexa un dos membros da asociación, cuxo número debe limitarse sempre a doce. Doce son tamén os anos que acaba de cumprir a peña, o que se celebrou igualmente no acto de onte.
O nomeamento dos «cabaleiros do Tizón», por outro lado, é unha tradición que non forma parte dos estatutos da peña -comenta Mariano Rodríguez-, pero os seus integrantes teñen a intención de darlle un carácter máis oficial dentro de pouco tempo. A peña é especialmente coñecida por organizar a queimada xigante que se prepara cada verán na praza monfortina da Compañía.