O único accidente aéreo de Chantada

Rodrigo Fernández
Roi Fernández CHANTADA/LA VOZ.

LEMOS

Un avión tripulado por dous militares fixo unha aterraxe de emerxencia no 1933 ao lado da finca dos Sepulcros, en Fornas. O aparato quedou destrozado. Eles sobreviviron

17 dic 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O cabo e piloto Félix Hurtubí e o mecánico Agustín del Río atopábanse en serio perigo aquela calorosa mañá de agosto do ano 1933. Sobrevoaban o ceo da parroquia chantadina de Fornas co seu avión 21-10 e algún problema de tipo mecánico obrigounos a tentar unha perigosa aterraxe forzosa nunha finca pegada á que os veciños aínda chaman a dos Sepulcros. Escribían así o único capítulo da historia de Chantada relacionado coa aviación. Por fortuna, a súa peripecia non acabou en traxedia. Só o cabo Hurtubí precisou atención médica, pero por algunha ferida leve.

Seguro que a moitos chantadinos esta crónica lles resultará novidosa. Non lles pasará igual a algúns maiores, porque non é difícil atopar testemuñas directas daquel suceso que poden relatar o ocorrido. Antonio Moure Rigueira, «O Camarada», posúe unha memoria sorprendente. Veciño do lugar de Pacio, en Mariz, dende a súa casa vese o lugar do accidente a uns cincocentos metros. Cando sucedeu aquilo el era un neno pequeno, pero sorprendentemente acórdase de todo con detalle: «Era un rapaciño, tiña pouco máis de dous anos, a min levoume a ver o avión un home que andaba facendo zocos polas casas e que eses días traballaba para nós, acordo aquela lona rota das ás...veu moitísima xente de Chantada e dos arredores, xa había a carretera».

Efectivamente, na noticia que o xornal ABC publicou dando conta do accidente na súa edición do 2 de setembro vense os restos destrozados do avión vixiados por un garda civil a cabalo, e detrás del unha multitude de xente mirando. O fotógrafo era o chantadino Losada.

Evacuados en taxi

Antonio Moure afirma que foi O Lino, un coñecido taxista de Chantada quen evacuou os tripulantes. «Seica un deles mancárase un pouco», explica. Algo maior que Antonio é Albino Almuíña, de 83 anos e tamén do Pacio. «Acordo unha muller levándolles auga para beber porque ía moita calor aquel día». De antes do accidente, el viu a avioneta dando voltas durante un tempo enriba da finca. Outros testemuños apuntan, igual que Antonio, que ao intentar aterrar, impactou cun carballo, partiuno e co golpe ao avión rompéronlle as ás, e que un veciño de Fornas de Abaixo fíxolles sinais cun pano branco nun vano intento de axuda. Tratábase do tío de Tarsicio Balboa, outro chantadino que aínda lembra aquel acontecemento, como outros maiores que acordan a algún rapaz da vila que non dubidou en coller un anaco do fuselaxe para gardar.