Grupos de toda Galicia acudirán o día 27 en Palas de Rei a unha festa do teatro afeccionado

La Voz LUGO/ LA VOZ.

LEMOS

14 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Palas de Rei volverá a demostrar o sábado 27 deste mes que é o centro do teatro afeccionado galego. Nesa data celebraranse os dez anos do nacemento da Federación Galega de Teatro Afeccionado (Fegatea), xusto nunha reunión celebrada en Palas de Rei, o 28 de novembro de 1999, como lembrou onte na presentación dos actos o alcalde palense, Fernando Pensado.

Foi precisamente na Casa da Cultura de Palas onde xurdiu o xerme da federación, un organismo que sempre tivo nesta vila da comarca da Ulloa un importante punto de referencia, e máis grazas ao impulso do grupo Metátese Teatro e ás diferentes mostras de Teatro Amador que se foron celebrando en Palas de Rei, sempre con éxito de público. Deste xeito, co paso dos anos, naceu no municipio outro grupo, Alentía Teatro, e o Concello puxo en marcha un Obradoiro Municipal de Teatro, que xa leva tres cursos de formación teatral no pobo.

Para lembrar os dez anos da Fegatea, Concello e Metátese presentaron onte uns actos que arrincarán ás cinco da tarde do día 27 coa inauguración dunha mostra que recolle diferentes momentos da historia da federación teatral, e que se poderá ver ata o 16 de decembro na Casa da Cultura. Está previsto que asista a este acto o escritor Xosé Neira Vilas. Unha hora máis tarde, haberá un espectáculo teatral a cargo de Metátese, que porá en escena a obra Estrela 33 .

Pasarrúas con actores

Sobre as sete e cuarto da tarde, está previsto que haxa un pasarrúas teatralizado pola vila de Palas. Nese percorrido intervirán actores e actrices de todas as compañías federadas (hoxe integrada por 45 grupos teatrais) e os asistentes que así o desexen. Para rematar os actos, ás dez da noite haberá unha cea de confraternización de todos os asistentes aos actos.

O alcalde deste concello, Fernando Pensado, louvou o traballo que fai o grupo Metátese a prol de Palas de Rei e lembrou as palabras do gran mestre dos escenarios británicos sir Laurence Olivier, cando dixo: «Nunha pequena ou gran cidade ou pobo, un gran teatro é o signo visible de cultura».