Este trozo de montaña é de Galicia

Francisco Albo
Francisco Albo QUIROGA/LA VOZ.

LEMOS

O litixio polos límites entre a parroquias de Ferramulín do Courel e de Villarrubín -do municipio leonés de Oencia- quedou resolto nunha reunión celebrada recentemente por unha comisión de deslindes na que participaron representantes dos dous concellos, das deputacións de Lugo e de León e dos dous gobernos autonómicos. No acordo alcanzado nesta reunión, os veciños de Villarrubín renunciaron á franxa de terreo na que realizaron varias repoboacións con piñeiros durante os últimos meses, o que provocoara repetidas queixas por parte da asociación veciñal de Ferramulín.

O acordo deixou tamén claros os límites entre ambos municipios na zona de Pena Picada, onde o río Selmo traza o pronunciado meandro que pode verse na imaxe da dereita. A fronteira entre O Courel e Oencia divide lonxitudinalmente o montículo situado no medio do meandro, de modo que a parte esquerda da curva do río -onde se ve unha pequena ponte- pertence a León, mentres que a parte dereita queda dentro de Galicia. Anteriormente, os veciños de Villarrubín reclamaban para o municipio de Oencia a totalidade do meandro.

Así mesmo, a comisión de deslindes determinou que quede dentro do territorio galego a entrada da Cova da Vella, situada nas proximidades desta paraxe. O acordo tomouse tendo en conta a abundante documentación histórica que presentaron os veciños de Ferramulín.