Sobre o poeta do Courel

Rubén Eyré

LEMOS

24 sep 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Coa dedicación este ano do Día da Letras Galegas a Uxío Novoneyra, escribíronse montóns de novas páxinas sobre a súa vida e a súa obra. Como case sempre ocorre nestes casos, moitas destas aportacións son de sumo interese para os lectores e outras ben podían azordegarse nos recantos da memoria. Falo aquí da que se aborralla e desfai por si mesma: refurgando e sementando despois verbas de destacada habelencia no arte de mentir.

Tamén a falta de rigor e seriedade en certas anotacións do autor fai pensar no que se mal non recordo viña dicindo aquel intelectual francés: «Como ninguén le, vou dicir o que xa está dito». Mais por se isto non chegase, cando tente dicir algo da miña propia colleita agocharei verdades para que, dalgunha maneira, se perciba a novidade. Claro que isto último é máis fácil facelo sobre anécdotas da vida de alguén que sobre da súa obra coñecida.

Pero o feito de que unha persoa non se atope presente para clarexar algo sospeitoso de non ser certo nunca debe ser motivo para contar dela aquilo que, interesadamente, mellor a un lle conveña. Poño por caso que chegou as miñas mans un libro no que se pon a viaxar ao Poeta do Courel polos camiños de Nogueira na tarde do derradeiro sábado de agosto do oitenta e catro. Pois os que viñeron con Novoneyra de Compostela a Chantada aquela tardiña baixa, saben moi ben que dita viaxe é froito dunha egoísta mentira. Ollando tal argallada, pero temendo outras semellantes que eu non daría demostrado, pechei e devolvín o libro.

Unha vez máis, non tardará en haber outro importante acto sobre este grande poeta nestas terras. Será, quizais, por un novo acontecemento en honor ao autor de Os eidos . A día de hoxe non teño dúbidas en quen axeitadamente puidese reforzar dito acto. Entre outras personalidades, sería moi acertado contar con autoridades no tema como son Claudio Rodríguez Fer e Carmen Blanco. Esta última, por certo, remata de publicar un excepcional libro que nos achega de cheo a un mellor coñecemento do labirinto novoneyriano nos lugares dos seus libros.