«O Courel ten case todas as especies galegas de morcego»

Hermida coordinará a primeira xornada de observación de quirópteros que se realiza na provincia


quiroga/la voz.

Roberto Hermida, biólogo da asociación Drosera, é un dos responsables de actividades da Noite Europea dos Morcegos que se levarán a cabo no Courel o próximo día 28. É a primeira vez que se celebra na provincia de Lugo -e a terceira en Galicia- esta xornada internacional de estudo e divulgación dos quirópteros, que comprende numerosas actividades desenvolvidas simultaneamente en más de trinta países.

-¿Por que se escolleu O?????Courel para esta convocatoria?

-Porque no Courel están as poboacións de morcegos de maior diversidade de Galicia, é dicir, é a zona que conta cun maior número de especies diferentes en toda a comunidade. En Galicia están catalogadas 23 especies de morcegos e O??????Courel tenas case todas. A existencia de covas naturais e de diversos tipos de bosque favorece esta diversidade. Nos soutos do Courel conviven moitas especies distintas, algunhas delas moi escasas en todo o territorio galego, como é o caso do nóctulo pequeno ou Nyctalus leisleri .

-¿Para participar, é preciso ter coñecementos previos sobre os morcegos?

-Non, porque o noso obxectivo é precisamente difundir o coñecemento destes animais entre a xente que sabe moi pouco deles ou que non sabe nada. Ofreceremos unha conferencia divulgativa e unhas actividades práticas para que a xente coñeza mellor a bioloxía e os hábitos destes animais e a súa importancia ambiental.

-¿Que é o que poderán facer os participantes?

-Terán ocasión de presenciar unha captura de morcegos e de observalos de cerca, algo que sucede moi poucas veces. Tamén asistirán á saída dos morcegos dun dos seus refuxios, nun lugar seleccionado por nós, e poderán escoitar os sons que emiten estes animais coa axuda de receptores ultrasónicos.

-¿Haberá máis edicións desta xornada no Courel?

-De momento non, porque pretendemos movela por toda Galicia en anos sucesivos para acercar estes coñecementos ao maior número posible de persoas. Mais a nosa asociación ten previsto seguir estudando durante moito tempo as poboacións de morcegos da serra, algo que xa estamos a facer desde hai varios anos. Tamén temos en proxecto unha investigación ampla sobre os morcegos dos soutos que se desenvolvería en grande parte no Courel e estamos á espera dunha axuda que pedimos para realizala.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

«O Courel ten case todas as especies galegas de morcego»