A serra será escenario o día 28 dunha xornada internacional dedicada ao estudo e á conservación dos quirópteros
20 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.A Serra do Courel será un dos escenarios onde se levará a cabo este ano a Noite Europea dos Morcegos, unha xornada anual que se celebra desde a pasada década en máis de trinta países co obxectivo de popularizar o coñecemento científico destes animais e de fomentar a súa conservación. As actividades desta xornada -previstas para o próximo día 28- son organizadas pola asociación naturalista lucense Drosera, que ten entre os seus principais obxectivos o estudo e a protección das poboacións galegas de morcegos.
O programa da xornada, comprende unha conferencia divulgativa sobre os quirópteros do Courel que se ofrecerá ás seis da tarde na estación científica de Seoane. O resto do tempo dedicarase ás práticas de campo, que comezarán ás catro da tarde cunha busca de morcegos nos seus refuxios. Máis adiante, entre as oito e media da tarde e a unha da madrugada, realizaranse capturas de morcegos coas chamadas redes de néboa -do mesmo tipo que as utilizadas polos ornitólogos para atrapar e anelar aves-, a fin de observar de perto os exemplares e de identificar as diferentes especies.
A participación nestas actividades é gratuíta, pero é obrigatorio efectuar unha reserva previa, xa que o número de prazas será limitado. As persoas interesadas poden consultar ás páxinas web das asociacións Drosera e Saramaganta, nos enderezos http://blogdrosera.blogspot.com e http://saramaganta.blogspot.com. Os participantes poderán aloxarse no cámping de Esperante ou nalgún dos demais establecementos hostaleiros do municipio.
Catalogación
A asociación Drosera elabora desde hai varios anos o Atlas de Morcegos de Galicia, que ten por finalidade localizar catalogar todas as poboacións de mamíferos voadores que se conservan actualmente no territorio da comunidade. Segundo os datos incluídos neste catálogo, que pode consultarse na web Morcegosdegalicia.com, en Galicia están identificadas hoxe en día dezanove especies de quirópteros. No conxunto do continente coñécense 45 variedades, moitas das cales figuran nos catálogos de especies ameazadas.
As primeiras edicións da Noite Europea dos Morcegos -máis coñecida pola súa denominación en inglés, European Bat Night - celebráronse en Polonia e Francia. A iniciativa estendeuse despois a outros países, entre os que destacan polo maior número de actividades Gran Bretaña, Alemaña, Bélxica e Hungría.
Durante esta xornada lévanse a cabo de forma simultánea numerosas actividades de observación e divulgación como as que está previsto realizar no Courel.