XX Romería labrega da Chaira na carballeira do Cancelo, Os Vilares, Guitiriz
12 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Se hai un lugar na provincia lucense no que eleven á categoría de festa todo aquilo que ten que ver co medio rural e coas tarefas que se fan no campo ese é Os Vilares, no municipio de Guitiriz. Alí, a romería labrega da Chaira cumprirá esta fin de semana a súa edición número vinte, o que dá unha idea clara da importancia desta celebración e reflicte que se trata dunha cita plenamente consolidada. Os que xa coñezan esta romería saben que nela non hai tempo para o aburrimento, e os que estean pensando en acudir por primeira vez, que saiban que se van atopar cos concursos máis orixinais e con probas moi atractivas para os espectadores. Así, na xornada do sábado van ter exposicións e concursos de cans e de vacas, con premios para os mellores exemplares. Tamén haberá galardóns para os mellor clasificados na carreira infantil e na popular, que inclúe varias categorías en función da idade. O quinteto de música tradicional Lumieira actuará ao longo do día na carballeira, na que pola tarde os nenos terán xogos populares, títeres coa compañía Danthea e ponis. Pequenos e maiores poderán pasar momentos moi entretidos co adestramento canino, a exhibición ecuestre e a carreira de cabalos. Todo elo antes do pregón do polifacético Xurxo Souto, que despois actuará co seu grupo Os tres trebóns. O público tamén poderá disfrutar do humor e dos monólogos de Pepo Suevos. Outras que trunfaron no Luar da TVG, as cantareiras de Ardebullo actuarán o domingo. Iso será pola tarde, antes da baixada de carrilanas e da proba de habilidade con segadora. Nesa xornada a música poñerana os grupos Andaina, Son dos Vilares e Os Minhotos.