Novas exploracións do Cabe

LEMOS

O Concello de Monforte organizará unha serie de rutas guiadas ao longo do río para xente de todas as idades

29 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

As actividades organizadas polo Concello de Monforte con motivo da Festa do Río comezarán este ano con bastante antelación con respecto a anos anteriores. Nesta ocasión, a primeira proposta do programa consiste nunha serie de percorridos guiados polo Cabe que se levarán a cabo entre o 1 de maio e o 12 de xuño.

Esta actividade, segundo indican desde a concellería de Cultura, aseméllase ás do programa «Descubre o Cabe», que se desenvolveu por primeira vez en setembro do ano pasado e que estaba dirixida só ao público infantil e xuvenil. Aquelas xornadas de sendeirismo tiveron unha ampla demanda e houbo bastantes adultos que se interesaron por participar nelas. Para satisfacer este interese, a nova serie de percorridos estará aberta a persoas de todas as idades.

Programa

Os novos percorridos, como os do primeiro programa «Descubre o Cabe», serán guiados por persoal da asociación chantadina Barcas do Minho, que colabora co Concello na organización da Festa do Río. En cada unha das catro marchas que está previsto levar a cabo poderá participar ata trinta persoas. A inscrición é gratuíta e pode realizarse ata o xoves anterior á realización de cada percorrido chamando ao teléfono 982????404????404, que atende de luns a venres ata as nove da noite.

O primeiro percorrido farase na zona das fontes do Cabe, no municipio do Incio, nun traxecto de doce quilómetros entre os lugares de Cabude e Saa. A segunda marcha, o 15 de maio, discorrerá tamén por terras do Incio, nun tramo de catorce quilómetros entre o antigo balneario da Ferrería e Pacios de Veiga. A terceira será o 29 de maio entre Santalla de Rei e Monforte, nun traxecto de quince kilómetros. O último percorrido, fixado para o 12 de xuño, irá desde Canaval ata Areas, no municipio de Sober.

En todos os casos, os participantes reuniranse ás 10 de mañá na oficina de turismo e as marchas durarán ata media tarde. Todas as rutas presentan un grao de dificultade entre medio e baixo. O programa conta co apoio da Deputación.