Para restablecer o servizo, que deixará de ser gratuíto, o Concello debe asinar un convenio coa firma Colabora
01 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.No Courel deixou de funcionar a rede de Internet de banda larga e sen fíos que foi posta en marcha no 2008 por iniciativa da Consellería de Medio Rural. Segundo explicou a alcaldesa, Lola Castro, o sistema deixou de estar operativo hai varios días debido a unha avaría e a empresa Colabora, á que lle foi adxudicada a súa xestión, anunciou que para poñelo de novo en funcionamento será preciso establecer un convenio co Concello. En caso de que o goberno local acceda a asinar un acordo con esta fin, a conexión deixaría de ser gratuíta e os usuarios deberían abonar unha taxa polo seu uso.
O goberno municipal, segundo indicou a alcaldesa, aínda non decidiu se establecerá un acordo para que a rede de banda larga, que funciona coa tecnoloxía wimax, volva estar a disposición dos veciños. «Acabamos de recibir o texto do posible convenio e estámolo estudando, pero non decidimos nada polo momento», puntualiza a rexedora. «A verdade é que por agora non temos claro o que imos facer a este respecto, porque este servizo estaba funcionando moi mal e nesas condicións non sabemos se para os veciños sería interesante pagar por el», engade. Segundo indican os responsables municipais, a rede de Internet tiña frecuentes fallos, sobre todo cando se daban certas condicións meteorolóxicas, como chuvascos ou néboas baixas.
Xente nova
A suspensión do servizo, apunta por outro lado a alcaldesa, «está prexudicando sobre todo á xente nova, que é o sector da poboación onde están a maioría dos usuarios de Internet». A pesar do interese que ofrece este servizo para os establecementos hostaleiros, agrega Castro, «ata agora eran moi poucos os negocios do municipio que o estaban utilizando».
A rede wimax non era accesible en todo o territorio municipal, xa que a súa cobertura estaba limitada aos núcleos de Folgoso, Seoane, Meiraos, Eiriz e Vilamor. Despois da interrupción deste servizo, a prática totalidade do municipio volve estar desconectada da Rede. Dos edificios públicos, o único que segue tendo acceso a Internet é a casa consistorial, que conta cunha conexión telefónica contratada coa empresa R. «Aparte da casa do concello, pouco máis pode haber», sinala a alcaldesa.
O pasado agosto, varias asociacións do Courel pediron publicamente á Xunta que mantivese o sistema wimax cando terminase o período gratuíto de probas, pero aquela iniciativa nin tivo resposta ata hoxe.