Marcos volve inspirarse na terra do Courel na segunda parte da súa triloxía xuvenil de aventuras
03 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.O escritor courelao Xesús Manuel Marcos volve inspirarse na súa terra nativa na súa recén publicada novela A táboa da hospitalidade , segunda parte da triloxía de aventuras O brindo de ouro , cuxa primeira entrega - A chamada do brindo - recibira no ano 2004 o premio Merlín de literatura infantil e xuvenil. -¿En que medida se inspira nas tradicións do Courel -ou doutros países- para construír o mundo imaxinario destas novelas? -Por fortuna, o imaxinario da Serra do Courel é rico e variado, así como a súa toponimia. Cando un escribe, escribe con todo o vivido, lido, escoitado e lembrado ao longo dos anos. No Brindo de ouro inclúo, cunha peneira previa, algunhas lendas que me contaron, aínda que teñan pasado xa varios anos, e outras que lles teño escoitado aos seareiros no bar que tiñan meus pais. Tamén parto da tradición europea en sentido amplo para conformar a historia do Brindo de ouro . Outros acontecementos e sucesos do Brindo , a meirande parte para ser sinceros, son froito da invención. -Nestas obras tense sinalado o influxo de Tolkien. ¿Hai outros autores do xénero fantástico que lle servisen de referencia para escribir estas libros? -Non me molesta que se sinale a influencia no Brindo de Ouro da obra literaria de Tolkien. Considero, por exemplo, O señor dos aneis como un dos caprichos literarios máis conseguidos na historia da literatura, e non só no xénero fantástico, aínda que eu non considero a obra de Tolkien ou o Brindo de ouro como literatura fantástica. Literariamente, a obra do autor británico ten, na miña opinión, unha gran calidade. Así que non é mala referencia. Hai autores, como Alvaro Cunqueiro, que tamén exerceron influencia en min, así como a obra de Fole, Dieste ou Xosé Miranda. Fóra de Galicia, gusto da narrativa do polaco Sapkowski ou do norteamericano Robert Jordan, todos recomendables. -Aos lectores de «A chamada do brindo» puídolles parecer que a segunda parte tardou moito tempo en aparecer. ¿Cando pode chegar a terceira parte? -Tiña pensado publicar antes a segunda parte do Brindo , mais houbo outras historias que se cruzaron polo medio e que tiven que escribir mentres traballaba en A táboa da hospitalidade , como por exemplo a novela A?????lúa dos Everglades, entre outras. Contra isto nada poido facer, agás deixarme levar, porque son os personaxes os que, coa súa presenza teimuda, mandan. A irrupción destas outras historias levoume a adiar o remate da segunda parte do Brindo . Desde logo, a miña intención é non demorarme na terceira entrega do Brindo de Ouro , na que xa estou a traballar.