Ferramulín denuncia novas obras no límite con León

LEMOS

Veciños da parroquia courelá protestan contra o reinicio dos traballos forestais na zona en litixio con Oencia

28 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A asociación de veciños de Ferramulín expresou as súas queixas polo feito de que se estean realizando de novo uns traballos de repoboación forestal nunha zona sen deslindar situada entre esta parroquia do Courel e o municipio leonés de Oencia.

Segundo explica José Antonio González, portavoz do colectivo, estas obras comenzaran o pasado outono coa apertura de varias pistas na zona en litixo e foran interrumpidas a raíz das denuncias públicas formuladas polos veciños de Ferramulín. «Os axentes do Seprona foron visitar daquela os terreos e a raíz diso pararan os traballos, pero esta semana empezaron outra vez con eles e agora están preparando os terreos para facer plantacións de árbores», afirma.

As obras, continúa González, foron encargadas polos veciños da parroquia leonesa de Villarrubín e en principio eran realizadas pola empresa Serfonor Medio Ambiente. «Agora quen fai eses traballos é unha empresa diferente, Repoblaciones Cazorla, e están meténdose cada vez máis cara á zona do Courel a pesar de que os deslindes seguen sen facerse e de que non se sabe aínda a quen pertencen en realidade ese terreos», apunta.

Os veciños de Ferramulín piden que as autoridades competentes de Galicia e de Castela-León tomen medidas para deter estes traballos ata que se determinen con precisión os límites entre ambos municipios. «A comisión de deslindes xa está formada pola parte galega e pola leonesa debe estar a punto de formarse tamén», sinala José Antonio González. «Non entendemos por que se permite que continúen esas operacións antes de que as comisións de deslinde comecen a traballar», engade.