Fortalezas biolóxicas na Serra do Courel

LEMOS

Un estudo pon de manifesto a singular estabilidade ambiental dos soutos da zona

24 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A riqueza biolóxica dos soutos do Courel parece terse conservado intacta durante as últimas tres décadas a pesar das importantes transformacións ecolóxicas sufridas nestas zonas ao longo dese mesmo período. Esta é unha das conclusións que se desprenden dun amplo estudo dos bosques de castiñeiros da serra realizado entre os anos 2005 e 2009 por un equipo de investigadores da Universidade de Santiago (USC) baixo a dirección do catedrático Javier Guitián, director da estación científica de Seoane do Courel. Os resultados do estudo están a ser divulgados actualmente en diversas revistas científicas.

A mencionada conclusión baséase sobre todo no estudo da avifauna dos soutos. Algúns investigadores do equipo realizaron un censo das poboacións de aves que viven nos bosques de castiñeiros e compararon os datos actuais cos doutro estudo ornitolóxico realizado nos mesmos hábitats en 1977. «A comparación demostrou que a avifauna dos soutos se mantén no mesmo estado en que se encontraba naquela época e que as comunidades de aves non sufriron ningún cambio significativo en canto á súa cantidade nin en canto á súa estrutura», apunta Guitián. «Este feito é moi interesante, porque durante ese mesmo período houbo cambios moi importantes nos ecosistemas que rodean os soutos, debidos sobre todo ao declive demográfico e ao abandono de moitos prados e terras de cultivo, que foron sendo invadidas polo matorral e o bosque», engade.

Territorios afectados

Segundo os cálculos dos investigadores, esta profunda transformación ecolóxica provocada polo abandono das actividades tradicionais afectou a cerca dun 35% do territorio do Courel. Os bosques de castiñeiros parecen mostrar unha singular capacidade de resistencia fronte a estes cambios, funcionando como unha especie de illas ou fortalezas da biodiversidade. Os científicos da USC supoñen que a estabilidade da avifauna tamén é compartida por outras comunidades animais que viven nos soutos -insectos e pequenos mamíferos- e polas demais plantas que conviven cos castiñeiros nestes hábitats. «Nestes casos non dispoñemos de moitos datos antigos e non podemos facer unha comparación detallada sobre a situación actual e a dos anos 70, como sucede no caso da avifauna, pero todo parece indicar que estas comunidades animais e vexetais tampouco sufriron cambios importantes neste tempo», sinala Guitián.