Outras cifras que nos poden dar unha idea sobre a evolución do turismo son as de visitantes ao Museo Provincial. No ano 2009, houbo un total de 41.025 visitantes, dos que 10.686 corresponde a visitas de grupos de adultos e 17. 254 individuais. É dicir, pódense considerar como turistas a 27.940 persoas. Os estranxeiros incluídos neste grupo foron 2.594.
Os museos son un atractivo para os turistas e son un bo observatorio para contrastar datos. Se temos constancia de que no 2009 viñeron á cidade 8.170 estranxeiros e 54.310 españois, ¿como é posible que non visitasen o Museo Provincial 5.576 estranxeiros e 25.346 españois? Ou dito de outro modo ¿como é posible que non o visen 30.922 turistas? Aquí hai algo que non cadra. As cifras que agora se dan de visitantes ao Museo son reais. ¿Tamén o son os das oficinas? Se o son, o Museo necesita algún tipo de publicidade nestas oficinas. Se non o son alguén debería de tomar medidas para que o sexan.
De maneira que é moi difícil saber cantos turistas pasan ao ano pola cidade, porque os que dormen ao longo do ano fano por motivos que non teñen que ver co turismo e polas oficinas de información non soen pasar os grupos e outros visitantes. Así que con bastante obxectividade podemos dicir que non chegamos aos 100.000 turistas ao ano.
A apreciación dos hostaleiros e dos comerciantes de tendas de recordos, é que hai un lixeiro aumento pero que o turismo é estacional, ou vacacional, fundamentalmente en Semana Santa e o mes de agosto. Din que se notou nos dous anos seguintes á declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade, posiblemente por efecto das campañas publicitarias, pero que despois se estancou, o que coincide coas cifras que analizamos.