A falta de axudas impide construír un centro sobre o entroido ribeirao

LEMOS

A Asociación de Amigos do Entroido Ribeirao lamenta non ter podido iniciar aínda a construción dun centro de interpretación do carnaval rural de Chantada, un proxecto pendente desde o pasado ano que non puido realizarse por agora debido a que o colectivo non recibiu aínda as axudas que esperaba por parte das consellerías de Industria e Vivenda. O custo total do proxecto anda polos 130.000 euros, dos que a Xunta debería achegar cerca dun 30%, mentres que o resto sería proporcionado pola Deputación e o Concello de Chantada. «As axudas da Deputación e do Concello xa foron confirmadas hai tempo, pero como aínda non temos a parte que lle correspondería á Xunta nin sabemos se poderemos contar con ela, o proxecto está paralizado», sinala o presidente de asociación, Juan Carlos González.

As axudas da Xunta foron negociadas con representantes do anterior gabinete autonómico antes das eleccións do pasado ano, pero os acordos non pasaron do nivel verbal e o actual Goberno galego non confirmou aínda se pensa darlles continuidade. O proxecto forma parte dunha serie de actuacións propostas no seu día pola asociación lucense Lugopatrimonio e os diferentes colectivos que organizan os festexos da maior interese etnográfico do sur lucense. Outras iniciativas similares foron solicitadas para axudar á conservación e promoción do entroido de Salcedo (A Pobra do Brollón), os folións de Castelo (Taboada) e Vilelos (O Saviñao) e as danzas de Santa Lucía da Cervela (O Incio). A actuación prevista para Chantada consiste en derribar a antiga casa escola da parroquia de Santiago de Arriba e construír no seu lugar un novo edificio que albergaría a sede social da asociación, un pequeno museo sobre o entroido ribeirao e un obradoiro de fabricación e reparación de traxes e máscaras tradicionais. «O proxecto xa estaba redactado e para comezar os traballos non faltaba máis que recibir a axuda da Xunta, pero agora nin sequera sabemos se poderá levarse a cabo, a pesar de que é unha iniciativa fundamental para conservar este festexo e para promovelo como atractivo turístico», comenta González.

Nova reunión

Os diferentes colectivos que defenden estes proxectos solicitaron hai cerca de tres meses unha entrevista coa delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, para falar sobre a súa posible continuidade, pero de momento non hai unha data fixada para este encontro. «Despois do entroido volveremos reunirnos os representantes de todas as asociacións para estudar que medidas se poden tomar a partir de agora, porque non queremos que esta iniciativa se perda e xa levamos demasiado tempo esperando para saber se a Xunta pensa axudarnos ou non», sinala a este respecto Lois Diéguez, presidente de Lugopatrimonio.