Chantada e Monforte acollerán esta semana unhas xornadas para familiares de enfermos de alzhéimer
24 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.O telecentro de Chantada acollerá entre o xoves e o sábado unhas xornadas formativas sobre o alzhéimer e outras demencias deste tipo, dirixidas aos familiares e coidadores de persoas afectadas por estas enfermidades. As prazas estarán limitadas a unha vintena de persoas e para apuntarse hai que pasar por este local, chamar ao teléfono 982????462????330 ou escribir ao correo electrónico afachantada@mundo-r.com.
As xornadas son organizadas pola asociación chantadina de familiares de enfermos de alzhéimer (Afachantada) e comenzarán ás sete e media da tarde do día 26 cunha conferencia da médica Araceli Río. Esta primeira intervención estará dedicada a explicar as diferenzas entre o alzhéimer e outras demencias, os tratamentos que se lles aplican e a importancia do diagnóstico precoz.
Ao día seguinte, tamén ás 19.30 horas, a enfermeira Ana Belén Fernández falará sobre os coidados dos enfermos e a prevención de accidentes. A terceira sesión desenvolverase entre as cinco e as oito da tarde do sábado e correrá a cargo da psicóloga Maxi Rodríguez, que abordará o comportamento dos enfermos de alzhéimer e a prevención de danos psíquicos entre as persoas encargadas do seu coidado.
A asociación chantadina, por outro lado, sinalou que desde hai un mes conta cos servizos da traballadora social Carmen Fernández Grandío -contrada coa axuda da Consellería de Traballo-, que se ocupa de informar sobre os recursos sociais existentes para enfermos de demencias e sobre a tramitación necesaria para conseguir as axudas oficiais.
Afamon
Por outra parte, como xa se adiantou en días pasados, a asociación monfortina Afamon tamén desenvolverá esta semana unhas xornadas formativas para familiares e coidadores deste tipo de enfermos. Neste caso, as charlas comezarán ás catro da tarde do mércores no centro da terceira idade do paseo do Malecón. O xoves e o venres impartiranse desde as dez da mañá ata a unha e media da tarde. As diferentes intervencións correrán a cargo do neurólogo Daniel García Estévez, a hixienista Cristina Dourado, a psicóloga Elisa López Fernández e persoal técnico da Consellería de Traballo e Benestar. A última charla -ás doce do mediodía do venres- será pronunciada por José Luis Uliaque, especialista da empresa aragonesa Araclon Biotech, que obtivo a primeira patente europea para unha vacina contra o alzhéimer.