«Do Universo, coñecemos só o cinco por cento, do 95% restante non temos nin idea»

C. López

LEMOS

Ás oito desta tarde terá lugar na Deputación a primeira das conferencias do ciclo «De camiños e viaxes: O Xacobeo», que organiza o club cultural Valle Inclán e que abrirá o profesor e director do departamento de Física Aplicada da Universidade de Santiago, Jorge Mira Pérez.

-A súa conferencia leva por título ¿Que distancia nos separa do firmamento?, ¿ten resposta a esta pregunta?

-Si, o que pasa é que non hai unha distancia única, senón varias distancias aos diferentes obxectos que se atopan no firmamento.

-¿O interese do ser humano pola Astronomía decaeu ou vai en aumento?

-A Astronomía interesounos desde que temos raciocinio. Os humanos sempre nos preguntamos que é iso inmenso que temos enriba cheo de luces pequeniñas e indagamos sobre todas aquelas cousas que transcenden o máis alá. Sen embargo, a medida que fomos avanzando no seu coñecemento, fomos perdendo a maxia de observar o ceo.

-E cando observamos o firmamento, ¿son máis as estrelas que non vemos que as que contemplamos?

-Absolutamente. Nós só vemos unha pequenísima fracción, uns poucos miles das estrelas que existen.

-¿En que medida afecta a contaminación lumínica?

-Pois ademais de entorpecernos a visión, supón un grande despilfarro de enerxía.

-No seu relatorio fará un achegamento á Astronomía e a todo o que fomos coñecendo sobre o Universo, ¿cal considera que foi o descubrimento máis importante e que nos queda aínda por descubrir?

-O máis importante foi descubrir que a Terra non é o centro do Universo. En canto ao que nos queda, eu diría que a grandísima maioría das cousas están por descubrir. Como quen di, estamos aínda en pañais. Só temos coñecemento do cinco por cento da materia do Universo, o 95% restante non sabemos o que é nin de que está composto. Os humanos, do 95 por cento do que hai no Universo non temos nin idea.