O Apalpador deseñado por González non ten unha vestimenta moi definida. «Preferín non darlle unha imaxe de pobreza, porque penso que ese aspecto pobre se debe en grande parte ao desprestixio en que se sumiron estas vellas tradicións cando foron substituídas por outras», di o artista. «Por dicilo así, o aspecto glamuroso e os bos agasallos quedaron reservados para os Reis Magos, mentres que a imaxe do Apalpador e doutras figuras semellantes se empobrecía cada vez máis para ser finalmente esquecidas», agrega.
O conto, por outro lado, axústase de forma estrita á tradición oral sobre este personaxe que foi recollida no Courel polo investigador José André López. «O libro conta dunha forma sinxela a tradición do Apalpador sen engadirlle nada máis», sinala o autor, quen aposta pola recuperación desta figura para a moderna cultura popular galega. O Concello da Coruña vai contribuír a esta recuperación financiando unha edición especial da obra que será distribuída gratuitamente no próximo Nadal. González tamén está a divulgalo a través dunha páxina web, no enderezo Apalpador.com.