«É moi emocionante ser recoñecida pola miña xente»

LEMOS

O Concello da Pobra do Brollón acordou dar á Casa de Cultura da vila o nome da poeta de Vilarmao

28 oct 2009 . Actualizado a las 15:36 h.

O Concello da Pobra do Brollón acordou o pasado xoves dar á Casa de Cultura da vila o nome da escritora Olga Novo, natural de Vilarmao. A homenaxeada, que traballa na Universidade de Bretaña Sur -en Lorient- está agora a pasar uns días en Galicia. -Non é frecuente que os escritores reciban homenaxes como este a unha idade tan temperá como a súa. ¿Que lle pareceu? -É moi emocionante ser recoñecida deste xeito pola miña propia xente, a xente do mundo rural e labrego ao que pertenzo e que vertebra toda a miña poesía. Alégrame especialmente recibir esta distinción cando temos na Pobra do Brollón o primeiro goberno municipal de esquerdas desde a Guerra Civil. Faime moita ilusión non só por min, senón porque o tomo como un apoio ao labor da xente nova e un recoñecemento ao papel das mulleres no eido da cultura e da lingua galega. Eu querería ademais que na Casa de Cultura o meu nome representase o de todas as mulleres do campo, as que nunca souberon ler nin escribir, e tamén o de toda a xente da Pobra do Brollón que loitou pola educación e a cultura, como o noso último alcalde republicano, Antonio Reboiro, que morreu asasinado polo fascismo. -¿Que está facendo por aquí estes días? -Vin participar en Santiago nunha serie de conferencias sobre a escritora Xohana Torres que organiza o Consello da Cultura Galega e aproveito para recoller datos para un estudo sobre a relación que tiveron con Bretaña os intelectuais galeguistas históricos, como Castelao e Vicente Risco. -¿Pensa traballar tamén para estreitar as relacións culturais entre Galicia e Bretaña? -Teño moito contacto co mundo cultural de Bretaña e quero traballar en traducións de poesía galega ao bretón e viceversa, pero iso levará o seu tempo e necesitarei axuda de escritores de alá. Levo algun tempo estudando bretón pero vou pouco a pouco, porque é unha lingua moi difícil. -¿Ten algún proxecto literario en marcha? -Estou preparando un libro de poesía que entregarei dentro de pouco para publicar. Estou tamén escribindo un libro en prosa sobre o mundo rural galego. Falo do mundo no que me criei e da miña familia, utilizando a memoria familiar para facer a memoria colectiva dun mundo que desaparece. Quero tamén que esta obra sexa unha crítica dos poderes políticos que deixan esboroarse e morrer a nosa sociedade rural.