A Ribeira Sacra desperta interese en Canarias

LEMOS

Os atractivos gastronómicos e turísticos da zona serán divulgados no arquipélago por El Corte Inglés

21 oct 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Cataluña, Madrid, o País Vasco, Andalucía e Valencia son algunhas das comunidades españolas que proporcionan ata agora un maior número de visitantes á Ribeira Sacra. Os turistas canarios non abundan moito na zona, pero a situación podería cambiar en caso de que prospere unha iniciativa que está a desenvolver actualmente o consorcio turístico.

O próximo domingo, dous directivos de El Corte Inglés en Las Palmas visitarán a zona coa idea de organizar alí unha actividade promocional relacionada coa gastronomía da Ribeira Sacra. Estudarán así mesmo a posibilidade de confeccionar algunha oferta turística centrada nestas comarcas que se dirixiría á súa clientela. O consorcio asumirá os custos da viaxe e facilitará o contacto dos visitantes con representantes do sector hostaleiro e turístico, o consello regulador da denominación vinícola, o Centro do Viño e a escola de hostalería de Rosende. «Nós encargámonos de preparar a visita e despois estes axentes negociarán con eles pola súa conta», explica a a xerente do consorcio, Alexandra Seara.

Ao longo de dous días e medio, así mesmo, os directivos de El Corte Inglés terán tamén ocasión de coñecer os principais elementos da oferta turística da zona: paisaxes, monumentos, viticultura, hospedaxes, restaurantes...

A iniciativa está a prepararse desde a semana pasada e, segundo precisa Alexandra Seara, surxiu de forma inesperada grazas un veciño do Saviñao que ten relación cos responsables da referida empresa na cidade canaria. «Isto é algo que non tíñamos previsto, pero pareceunos unha idea moi interesante porque a Ribeira Sacra é un destino turístico pouco coñecido para os canarios e pensamos que unha zona cunhas características tan diferentes da súa pode resultarlles moi atractiva», engade a xerente.