Á espera de Lois Pereiro

LEMOS

A realización do filme sobre o poeta monfortino dura máis do previsto e non acabará ata o ano próximo

20 oct 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O filme Contra a morte , dedicado á vida e á obra do falecido poeta monfortino Lois Pereiro, non poderá estrearse ata o ano próximo, xa que a súa realización está prolongándose máis do previsto inicialmente. Os realizadores da película, Alexandre Cancelo e Iago Martínez, esperaban poder presentala en Monforte este outono, pero o traballo aínda tardará algúns meses máis en quedar concluído.

Segundo explica Xosé Zapata, responsable da produtora cinematográfica coruñesa IB Cinema -que leva a cabo o proxecto xunto coa Sociedad Estatal de Conmemoriaciones-, «o traballo está resultando bastante laborioso porque se gravaron moitas horas de entrevistas e outros materiais, e ordenar e montar todo o que se filmou vai levar máis tempo do que pensábamos. Iso si, non temos dúbida de que este vai ser un traballo definitivo sobre Pereiro, porque o labor de documentación foi exhaustivo», engade. Zapata confía en que este proceso quede terminado en xaneiro ou febreiro do ano próximo.

A película terá formato de longametraxe e incluirá testemuños de numerosas persoas que coñeceron persoalmente ao poeta, falecido en 1996. Unha boa parte da filmación, que rematou o pasado maio, levouse a cabo en Monforte e noutras localidades da comarca. Outros escenarios do filme son A Coruña, Madrid e Berlín, cidades que influíron decisivamente, dunha ou outra maneira, na vida e na obra poética do desaparecido autor monfortino.

Entre os participantes figuran coñecidos escritores e artistas como Manuel Rivas, Antón Patiño, Miguel Anxo Fernán-Vello ou Antón Reixa, así como familiares e amigos de Pereiro. No proxecto colaboran tamén varios grupos musicais, como Nadadora, 6 pm e O Leo i Arremecághona!!!