O traslado dos postos ambulantes do mercado gandeiro animou considerablemente o centro da vila
22 sep 2009 . Actualizado a las 02:00 h.O centro urbano de Chantada ofreceu ao longo da mañá de onte un aspecto pouco común que a partir de agora será habitual os días de feira, o 5 e o 21 de cada mes. Numerosos veciños visitaron na rúa Xoán XXIII e na Alameda os postos ambulantes que ata agora se instalaban nestas datas no mercado gandeiro. «A experiencia desta primeira xornada foi positiva e tanto os comerciantes como os usuarios valorárona moi ben», afirmou a este respecto Xosé Manuel Ledo, concelleiro de Obras, Réxime Interno e Eventos.
Os problemas de tráfico que puido causar o traslado dos postos ao centro, en opinión do edil, «foron os habituais dos días en que hai festas e celebracións, sen ningunha dificultade especial que reseñar». En todo caso, para os responsables municipais, eses problemas vense compensados pola ambiente de animación que gañou a vila e pola maior comodidade ofrecida aos usuarios, «que agora teñen eses postos moito máis a man que no mercado gandeiro».
A intención do Concello, por tanto, é continuar con esta ubicación que, segundo recorda Ledo, «foi solicitada pola inmensa maioría dos comerciantes».
En Monforte
O traslado dos postos ambulantes do campo da feira ao centro urbano que se experimentou onte por primeira vez en Chantada tamén foi proxectado polo goberno municipal de Monforte, pero neste caso aínda non puido ser levado á prática, a pesar de que a iniciativa data do 2007.
En principio estaba previsto realizar o traslado dos postos á praza da Compañía no 2008, pero o proxecto foi adiándose por varios motivos. Primeiramente, o Concello de Monforte condicionou o cambio de ubicación a unha reforma da ordenanza municipal sobre este tipo de postos -incluíndo a actualización das taxas- que aínda está sen plasmar. Por outro lado, as obras de reforma na zona da Compañía, aínda en curso, fixeron aconsellable retrasar este traslado, que por agora non ten fixada unha data.