José Antonio Andrade é un veciño da Coruña namorado de Monforte. El e a súa parella, Loli Taibo, de Carballo, están estes días facendo turismo pola zona e quedan a durmir no balneario de Augas Santas. Son turistas en toda regra, xa que pola zona non teñen familiares. Pero non é a primeira vez que están pola comarca, e tampouco será a última, segundo contan. Queren volver pasar uns días antes do próximo verán. José Antonio Andrade xa estivo hai dous anos presentando unha obra súa na Feira do Libro, Seavia, nome de parroquia.
-¿Que ten Monforte para que os faga vir tantas veces?
-Isto é como un pequeno paraíso, aquí está case garantida a temperatura alta, é un lugar tranquilo, cun entorno moi ben conservado, un gran patrimonio e tampouco hai grandes desfeitas coma na costa. Ademais, a min gústame moito andar en bicicleta, e Monforte é un lugar que se presta moi ben para facelo.
-¿Prefire a costa ou o interior?
-O interior gústame máis, e a costa chega a angustiar moito na época do verán.
-¿Que é o que lles queda por ver aquí e que queren facer a próxima vez?
-Vimos xa moitas cousas e visitamos moitos lugares, pero gustaríanos facer a ruta en catamarán polo Miño porque xa fixemos a do Sil, e tamén queremos achegarnos ata o museo do ferrocarril.