Un ano máis os xardíns da Deputación abren as portas á cidadanía a través do programa Cultura Aberta. As tardes do verán dos mércores, para os cativos, e dos xoves, para os adultos, ofrecerán unha oferta cultural sempre agradecida na capital lucense, escasa de actividades en xullo e agosto. O vicepresidente da Deputación, Antón Bao, foi o encargado de presentar onte as actuacións. Definiu esta medida, que se celebra por segundo ano consecutivo, como «ambiciosa» xa que converte os xardíns da Deputación «nun espazo cultural aberto á cidadanía». O deputado nacionalista sinalou que esperan conseguir o mesmo éxito de participación do pasado ano, e máis nesta edición, na que lembran aos nenos cun programa de actividades propio. Según datos da Deputación, o pasado verán acudiron aos xardíns de San Marcos unhas 5.000 persoas. A Área de Cultura provincial investirá nesta iniciativa de verán uns 60.000 euros, «unha cantidade axeitada para pór en marcha un proxecto ambicioso, exitoso e moi demandado que demostra que poñer en marcha actividades culturais en Lugo é posible», sinalou Antón Bao. Todas as actividades previstas son gratuítas e de entrada libre.