A festa hebrea de setembro incrementará a presenza monfortina nas Xornadas Europeas da Cultura Xudía
03 jun 2009 . Actualizado a las 10:58 h.A celebración da festa hebrea que o Concello organizará en colaboración co comercio e a hostalería entre o 5 e o 6 de setembro coincidirá coa Xornada Europea da Cultura Xudía. A festa, que terá por escenario a rehabilitada rúa Falagueira, é unha iniciativa totalmente novidosa, pero esta non será a primeira ocasión que a referida xornada se celebre en Monforte.
As Xornadas Europeas da Cultura Xudía celébranse en todo o continente desde hai nove anos. Monforte sumouse a esta iniciativa praticamente desde o principio, aínda que a conmemoración foi ata agora bastante modesta, limitándose a un par de visitas guiadas polas rúas do casco histórico onde está documentada a presenza de familias hebreas en séculos pasados. A nova festa, presumiblemente, dará a Monforte un lugar máis destacado no calendario de actos que son organizados cada ano nesas datas polas comunidades integradas na Red de Juderías de España.
Imaxes panorámicas
Monforte está asociada hai anos á mencionada Red de Juderías coa categoría de «cidade concertada», aínda que esta pertenza todavía pasa desapercibida para moitos visitantes. A páxina oficial desta organización, no enderezo Redjuderias.org, ofrece de feito bastante información sobre a cidade, incluíndo unha serie de fotografías do barrio medieval e mesmo unha montaxe panorámica. Curiosamente, nos comentarios destas imaxes sinálase a Porta da Alcazaba coa súa denominación medieval de Porta do Açougue, que indicaba a existencia neste lugar dunha carnicería ou dun matadoiro. Este material encóntrase na sección Recorridos virtuales , xunto con imaxes de Barcelona, Besalú, Cáceres, Calahorra, Lizarra, Girona, Hervás, Jaén, León, Oviedo, Palma de Mallorca, Plasencia, Ribadavia, Segovia, Tarazona, Toledo, Tortosa e Tudela. A páxina motra tamén un mapa da cidade no que se sinala as zonas de ámbito xudeo.