Bailando e cantando como galegos

LEMOS

A agrupación folclórica, Queixumes dos pinos, celebra este ano o seu decimoquinto aniversario con satisfacción polo éxito acadado no seu recen celebrado festival

12 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Compoñentes de tódalas idades. Un total de 600 membros, repartidos en diferentes grupos, dan vida a formación Queixumes dos pinos na actualidade. Integrantes, todo eles, que de forma desinteresada exportan o patrimonio inmaterial galego en cada unha das oportunidades das que dispoñen, tanto dentro como fora do país. | miguel villar

Toman o seu nome prestado do que recibe de maneira oficiosa o himno galego, o símbolo acústico mais solemne de Galicia. Un emblema que coa mesma rigorosidade é portado pola agrupación folclórica, Queixumes dos pinos, natural de Ourense e que neste 2009 cumpre 15 anos de existencia. Unha vida dedicada ao fomento da tradición inmaterial galega dende as bases e sempre cun espírito vocacional e altruísta.

A día de hoxe, son 600 os membros que dan vida a Queixumes dos pinos. Integrantes, todos eles, con idades comprendidas entre os 3 e os 65 anos, sendo o total que durante estes tres lustros pasaron pola agrupación moito mais numeroso. Na actualidade a agrupación mantén unha estrutura piramidal abandeirada polos grupos -en orden descendente- Queixumes dos pinos, Árdelle o eixe, Sons do Miño e Chispiños (4 e 5 años). Colectivos, todos eles, que cando se desprazan asumen o nome titular da agrupación, incluíndo grupos escolares procedentes de diferentes colexios tanto da capital, como da provincia (A Peroxa, Coles e Barbadás), así como o colexio de Educación Especial Miño, en Velle.

Situación que o director e fundador da institución cultural, José Antonio Viñas, recoñece ao afirmar que «todos eles fixeron posible a realidade na que vive hoxe Queixumes, cada un coa súa aportación», explica este namorado do patrimonio inmaterial e cultural galego, que recoñece a importancia «de levar a imaxe de Ourense por moitos lugares do mundo e facer que se sintan orgullosos de ser ourensáns e galegos».

Logros acadados pero que segundo o mesmo director Viñas, «non son suficientes, xa que nos queda moito camiño por percorrer, ademais de seguir loitando para que os mozos se impliquen e que estén acompañados dos seus pais, algo ao que tamén é necesario engadir o apoio das institucións para seguir crecendo». Un alento que se visualizou en Ourense no festival de folclore que no pasado mes de abril celebrou a súa cuarta edición. Un evento que na súa pasada edición acercou o dobre de nacións invitadas que no 2008, sendo Montenegro, Croacia, Polonia, Portugal, Romanía e Francia, os países que asistiron.

Ilusión materializada

Como calquera sono dun adolescente con inquietudes, a orixe do Queixumes naceu na testa de José Antonio cando tiña 15 anos. «Colguei un cartel no colexio buscando interesados para formar un grupo de baile. Tiña 16 anos e por entonces xa era un namorado do folclore». Unha simple iniciativa que na actualidade xa superou calquera predición de futuro, tanto pola celebración dos seus tres lustros de vida como polo catálogo de recoñecementos obtidos tanto na súa cidades natal, como no resto de España ou do continente. Medallas que xa forman parte do patrimonio dunha institución que cree na xuventude para manter latente o patrimonio que os fai sentirse e vivir coma galegos a través do baile e o canto.