Empezan mañá no campus unha serie de accións encamiñadas a reducir o impacto ambiental das distintas actividades. A primeira delas ten que ver co consumo de papel
26 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Cunha serie de actuacións dirixidas a toda a comunidade universitaria e centradas na difusión de boas prácticas para un uso eficiente dos recursos, a Universidade de Santiago pretende reducir a pegada ecolóxica (indicador que representa os custes ecolóxicos dun determinado modo de vida) ligada á súa actividade. Os responsables da posta en marcha desas medidas son os bolseiros de Sostibilidade, Participación e Integración Universitaria, que mañá á unha da tarde na Biblioteca Intercentros do campus lugués colocarán unha mesa informativa para concienciar sobre a necesidade dun consumo responsable de papel e lerán un manifesto no que solicitarán a colaboración da comunidade universitaria neste senso. Durante o resto da semana os bolseiros estarán informando aos usuarios da biblioteca das diferentes opcións existentes en canto ao consumo de papel.
No ano 2007, o Plan de Desenvolvemento Sostible da USC, en colaboración co profesor Ramón Rodríguez López, da Escola de Maxisterio do campus lucense, realizou un estudo de impacto ambiental de dous centros universitarios: a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago e a Escola Universitaria de Formación do Profesorado de Lugo.
Pouco papel reciclado
Segundo os datos dese estudo a contribución do consumo de papel á pegada ecolóxica era pouco significativa, situándose no dous por cento no caso do centro compostelán e no un por cento no do campus lugués. Non obstante nas conclusións dese informe facíase fincapé na grande cantidade de papel consumida e na pequena porcentaxe deste que era reciclado. No caso da Facultade de Económicas ese consumo ascendía a dez quilos de papel por persoa e ano; mentres que na Escola de Maxisterio era de 7,94 quilos. No primeiro dos centros, a porcentaxe do reciclado era do 30%; en tanto que no segundo situábase no 26%.
Á hora de levar a cabo o mencionado estudo, os seus autores consideraron que debido á actividade eminentemente académica que se desenvolve na universidade, o consumo de papel, tanto por parte dos alumnos coma do persoal docente e de servizos, é moi elevado e debe ser considerado á hora de calcular a pegada ecolóxica. Dado que no caso dos docentes e do persoal de servizos, os respectivos centros dispoñen de datos do número de paquetes de folios consumidos, polo que resulta doado coñecer o seu número, para o caso dos estudantes tivéronse en conta tres aspectos: o papel consumido para apuntamentos, o utilizado para traballos e o empregado en fotocopias.
Consumo de papel
Para coñecer o impacto ambiental asociado ao consumo de papel nos dous centros analizados tívose en conta o número de follas de papel consumidas polos estudantes e polo persoal docente e de servizos. As cifras, referidas ao ano 2005, reflicten que en Económicas superáronse os sete millóns de follas, das que algo máis de dous millóns foron de papel reciclado. En Maxisterio foron 1,2 millóns de follas as consumidas nese mesmo período, sendo algo máis de 300.000 as de papel reciclado. En virtude destes datos, no estudo sinálase que na citada facultade santiaguesa consumíronse 2.006 follas por persoa e ano; mentres que na escola luguesa ese consumo foi de 1.591 follas por persoa e ano.
Tendo en conta que a pegada ecolóxica é un indicador que permite coñecer aproximadamente o impacto dunha poboación sobre a natureza e que se expresa en hectáreas por persoa e ano, nos dous centros referidos esa pegada ecolóxica asociada ao seu consumo de papel sería de 8,37 hectáreas ano na Facultade de Económicas de Santiago e de 1,46 hectáreas ano na Escola de Maxisterio de Lugo.
Estas accións enmárcanse dentro dun programa de educación ambiental promovido pola Oficina de Desenvolvemento Sostible da Universidade de Santiago en colaboración coa Sociedade Galega de Educación Ambiental e a Federación Ecoloxista Galega. O programa iniciouse en outubro do ano pasado coa instalación en diferentes centros universitarios de Santiago e Lugo dunha exposición sobre a pegada ecolóxica e coa organización de varios seminarios formativos centrados nos principais factores que inflúen nela.