Recomendado aos visitantes

LEMOS

As novas guías de Turgalicia recollen 116 recursos turísticos ubicados no sur lucense, nos que hai importantes ausencias

02 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Un total de 116 recursos turísticos do sur lucense figuran nas novas guías da sociedade Turgalicia, dependente da Consellería de Innovación e Industria. Estes recursos están repartidos nos folletos Vivir a arte , Sendas , Aloxamentos , Turismo rural , Calidade turística , Campamentos de turismo e Golf en Galicia , que a referida entidad editou para este ano e que son accesibles na súa web.

Polo que respecta aos recursos hostaleiros -con diferenza os máis numerosos dos que consignan estas publicacións-, as guías mencionan 52 aloxamentos de todo tipo e 39 hospedaxes de turismo rural repartidos pola zona. Entre eles hai seis que contan co certificado de calidade turística e que por tal motivo aparecen nun folleto especializado: o Parador de Monforte, as casas grandes de Rugando (Quiroga) e Rosende (Sober), Rectoral de Anllo (Sober), Casa Vilamor (O Saviñao) e Casa do Romualdo (Taboada). Na sección de campamentos, o único da zona continúa sendo o de Esperante, no municipio do Courel. No apartado do golf, os dous únicos campos da zona son os do hotel balneario de Augas Santas, en Pantón, e o do club Río Cabe de Monforte.

En canto ao patrimonio histórico e cultural, a guía titulada Vivir a arte contén catorce recursos situados na zona sur da provincia. Nove deles consisten en museos e coleccións etnográficas, entre os que curiosamente non está o recén inaugurado Centro do Viño da Ribeira Sacra de Monforte. Si figuran, en cambio, outras instalacións moito máis modestas, como as salas de etnografía de Quiroga, Sober e Vilar -no Courel, de carácter privado- e o Museo da Pedra que o escultor Álvaro Pereiro ten no Incio. Completan a lista o Museo de Arte Sacra, o Museo Ferroviario, a pinacoteca do Colexio do Cardeal e a torre da homenaxe de San Vicente -todos eles en Monforte- e o Ecomuseo de Arxeriz, no Saviñao.

No apartado da arquitectura románica, o único edificio reseñado é a igrexa de San Pedro Fiz de Hospital, no Incio. Noutra sección sobre mosteiros medievais figura o convento de Ferreira de Pantón. Os demais monumentos da Ribeira Sacra -que posúe unha das maiores concentracións de arte románica de Galicia- mencionados na guía están na provincia ourensá: os mosteiros de San Pedro de Rocas, Santo Estevo e Santa Cristina de Ribas de Sil e Xunqueira de Espadanedo. A publicación menciona tamén o Colexio do Cardeal e a fortaleza de Monforte, así como o pazo de Bóveda, que non está aberto ao público. Polo contrario, esquécese dos pazos monfortinos de Tor e Muíños de Antero, que si se poden visitar. Na sección de arquitectura popular non figura ningún lugar do sur lucense, aínda que a zona conta con recursos importantes neste terreo, como as aldeas restauradas de Seceda, Froxán e Cortes (O?????????Courel), A Seara (Quiroga) e A Covela (Ribas do Sil), as adegas de Vilachá (Brollón) e os muíños do Xabrega, en Sober.

A guía de sendeirismo non dedica moita atención ao sur da provincia, onde só menciona a ruta do monte Faro, en Chantada, e a que vai desde Rosende ata o embarcadoiro dos Chancís, en Sober, denominada nesta publicación «ruta dos viñedos da Ribeira Sacra».