O parque do Courel, en lista de espera

LEMOS

Diversos sectores implicados na creación da futura área protexida esperan que o novo goberno autonómico continúe o proxecto, que o anterior deixou sen resolver

01 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O resultado das eleccións autonómicas deixou nunha encrucillada o proxecto de creación do parque natural do Courel, que non chegou a ser aprobado polo goberno autonómico saínte, o que deixa ás novas autoridades a decisión de continualo nas condicións actuais, de revisalo ou mesmo de paralizalo. Nos sectores máis directamente implicados na creación espérase que o proxecto siga adiante dunha ou outra forma, aínda que de momento non se sabe cómo enfocará o asunto a Xunta na nova lexislatura.

O alcalde do Courel, o socialista José López Fontal, supón que «o proxecto seguirá adiante, porque foi o PP quen elaborou o primeiro borrador e penso que non debería haber motivos para non continualo. De momento estamos á espera, a ver o que di o novo goberno», engade. A portavoz popular na corporación courelá, Dolores Castro, supón igualmente que a iniciativa terá continuidade «porque é un proxecto que empezou o PP, e en caso de aparcar o plano que tiña o PSOE, creo que sería para facer outro mellor». A concelleira di por outra parte que «o PP tiña un plano de ordenación, pero os socialistas quitárono e non chegaron a terminar o seu. Nin a consellería nin o alcalde chegaron a explicar en todo este tempo nada concreto sobre o parque e todo o que dixeron a ese respecto non pasou da pura propaganda». Castro apunta por outro lado que a idea da creación do parque segue despertando reticencias entre unha parte dos veciños, «sobre todo entre os de maior idade».

Pola súa parte, o empresario Manuel Vázquez Torrón, presidente de asociación Serra do Courel -que no seu día organizou unha viaxe informativa de veciños da zona ao parque asturiano de Somiedo- recorda tamén que «o PP tiña moitas ganas de facer o parque hai catro anos e hai que pensar que seguirá coas mesmas ganas. Ademais, no programa electoral levaba a ampliación das áreas naturais protexidas de Galicia», engade. Vázquez Torrón cre ademais que «as circunstancias de hoxe non son peores que as de entón, porque a crise da pizarra e a falta doutras alternativas económicas reduciu a oposición que podía haber entre os veciños».

Sen alternativas

Do mesmo parecer é Evaristo Méndez, presidente da asociación Fonte do Milagro, que defende a creación do parque. «O proxecto era xa do goberno anterior e confío en que siga adiante, porque O Courel non ten hoxe outro camiño que coller», afirma. Pola súa parte, o catedrático Javier Guitián, responsable da estación biolóxica que a Universidade de Santiago constrúe en Seoane, espera tamén que o proxecto continúe en marcha «porque non hai ningunha razón obxectiva para paralo. O contrario sería un absurdo e unha equivocación, unha absoluta torpeza. O parque pode ser un motor de desenvolvemento e non é razoable ter desprotexida a zona de maior interese natural de Galicia», apostila.