«En Portugal, o iberismo é unha etiqueta que vende»

LEMOS

Por sexto ano, Quiroga representou as letras galegas no festival literario internacional da Póvoa de Varzim

20 feb 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Natural do Saviñao, escritor e profesor da Universidade de Santiago, Carlos Quiroga representou á literatura galega no festival literario Correntes d'Escritas, que xuntou na localidade portuguesa da Póvoa de Varzim a a 127 participantes de países da Europa, América e África. Quiroga, partidario da aproximación ortográfica do galego e o portugués, xa asistiu a seis das dez edicións deste acontecemento que «se tornou unha droga», segundo afirma, e ese era o asunto do seu contributo na revista oficial dese encontro. Neste ano estivo acompañado de Xavier Queipo, Xosé María Álvarez Cáccamo e dunha nova axencia literaria galega.

-¿Que houbo nas Correntes deste ano?

-A pesar dos moitos actos organizados, o auditorio sempre estivo cheo. Houbo apoio do Ministro da Cultura, da cámara municipal, do Casino da Póvoa, de empresas, editoras, premios; editaron a revista conmemorativa, tres catálogos de fotografía oficiais, un libro de biografías, presenzas escolares, unha antoloxía de poetas participantes nas Correntes traducidos ao alemán...

-¿Traduciron algún poema seu ao alemán?

-Si, traduciron dous. As Correntes son un pretexto para conversas onde emerxe o lado máis persoal dos escritores. Son interesantes os coloquios, con participación de poetas e profesores.

-¿Que países participaron?

-Sempre é máis numerosa a lingua portuguesa que a española, aínda que conviven. Houbo presenzas do Brasil, de Chile, Colombia, Ecuador, España. A comunicación social ofreceu unha importante cobertura; todo o país se adhire á marca Correntes.

-¿En que consistiu a súa participación?

-Alén da presenza en varias das publicacións do certame, moderei unha mesa redonda.

-¿Que conclusións destaca da súa participación?

-Unha das constantes que observo é que o iberismo en Portugal é unha etiqueta que vende, e moito. E é importante o desenvolvemento que atinxiu este encontro, que era moi modestoe agora dinamiza numerosas actividades, recitais moi concorridos, unha feira do libro. A literatura ten un protagonismo moi especial e, aínda que a crise tamén tocou o sector do libro en Portugal, neste encontro evidénciase un gran potencial.

-¿Traballa en novos proxectos literarios?

-Teño traballos finalizados. E talvez publique de novo en Portugal, onde me fan ofertas. Aquí non vexo hipótese, a pesar da aparente apertura lingüístico-ortográfica.

-¿Ten presenza a literatura galega en Portugal?

-Cada vez máis; aínda que algúns editores ven difícil facer versións do galego castelanizado, e de algúns galegos fan versións en portugués desde as traducións ao español.