Un decenio sen poder acoller visitas

LEMOS

A ferrería de Seoane do Courel segue pechada ao público cando se van cumprir dez anos da súa restauración, financiada pola Xunta con máis de 37 milóns de pesetas

16 ene 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A finais da próxima primavera cumpriranse dez anos desde que se deron por terminadas as obras de rehabilitación da ferrería de Seoane do Courel, a máis espectacular das antigas fábricas de ferro que funcionaron na montaña lucense entre os séculos XVI e XIX. Durante esta década non foi posible abrir ao público este monumento -salvo uns poucos días, de forma excepcional-, a pesar de que ese era o obxectivo da restauración que no seu día financiou integramente a Consellería de Cultura cun investimento de máis de 37 millóns de pesetas. E pasado todo este tempo, segue sen haber perspectivas de que poida recibir visitas turísticas, polo menos a curto prazo.

Cando finalizaron os traballos, a Xunta e os donos da ferrería non chegaron a un acordo que permitise a súa apertura. Un dos motivos de discrepancia foi o acabado das obras, que en opinión dos propietarios quedaran sen rematar correctamente, algo que seguen afirmando hoxe en día. «Non se construíron servizos nin instalacións de seguridade e o Concello non deu licenza para abrila, e ademais quedaran sen amañar algunhas filtracións de auga e outros detalles, polo que nós nunca demos esas obras por acabadas», afirma José Antonio Locay, membro da familia propietaria.

A situación continou igual ata pouco antes das últimas eleccións autonómicas, cando o entón presidente da Xunta prometeu aos donos que a Xunta compraría a ferrería para convertela nun museo etnográfico. O novo goberno autonómico negouse a cumprir ese compromiso verbal de Manuel Fraga e a ferrería permaneceu pechada ata hoxe. «Despois das últimas eleccións celebrouse unha reunión en Lugo con representantes da Dirección Xeral de Turismo para falar deste problema, pero non se chegou a un acordo e desde entón non volveu haber ningún outro contacto», comenta Locay a este respecto. «Xa hai bastante tempo que nós demos o caso por perdido», agrega.

Desde as obras de restauración, a ferrería só puido ser visitada polo público nunhas poucas ocasións con motivo do con motivo do Filandón de Músicas do Courel, un festival folclórico que se celebra desde hai anos neste lugar. En total, só unhas cantas horas de visita ao longo de case dez anos.