Os axentes da garda urbana de Quiroga quedarán reducidos de cinco a dous por un período de seis meses
13 ene 2009 . Actualizado a las 02:00 h.A xunta local de seguridade de Quiroga manterá ás once de mañá de hoxe unha reunión ordinaria na que se abordará unha situación pouco común. A Policía Local quedará reducida de cinco a dous axentes por un período de seis meses, xa que tres deles deben seguir un curso de formación para regularizar a súa situación laboral. Por este motivo, o Concello espera que a Subdelegación do Goberno preste a colaboración necesaria para subsanar as carencias que poidan derivarse desta redución temporal do persoal.
O alcalde, Julio Álvarez, cre que non será difícil articular algunha solución. «O certo é que necesitaremos algún apoio durante ese tempo, porque con dous axentes en servizo pouco máis podemos facer que controlar o tráfico na rúa principal da vila», sinala. O mandatario apunta por outro lado que «entre o Concello e a Subdelegación do Goberno hai unha comunicación moi boa, así que espero que non haxa problema para encontrar unha fórmula que nos permita contar coa axuda doutros corpos de seguridade durante eses seis meses».
Os tres axentes que deixarán provisionalmente o servizo teñen actualmente a categoría de auxiliares. O curso que deberán seguir na Academia Galega de Seguridade Pública -dependente da Consellería de Presidencia- ten por obxectivo capacitalos para adquirir a categoría de policías locais propiamente ditos, en cumprimento da lei autonómica que regula o funcionamentos destes corpos desde abril do 2007. Esta norma deu ao concellos un prazo de dous anos para suprimir os postos de auxiliares e reemprazalos por funcionarios de carreira. Para optar ás novas prazas de policías locais é preciso ter cumprido como mínimo tres anos de servizo como auxiliar.
A redución da plantilla farase efectiva o mes próximo, que é cando se espera que os auxiliares sexan chamados para iniciar o curso de formación na sede da referida academia, na Estrada.