A asociación O Colado do Vento editou un folleto que describe con gran detalle o patrimonio medieval local
17 dic 2008 . Actualizado a las 02:00 h.A asociación cultural O Colado do Vento, que o pasado outubro organizou un percorrido guiado para divulgar o pouco coñecido románico de Sober, é tamén responsable dunha iniciativa pouco común no que respecta á difusión deste patrimonio na Ribeira Sacra. O colectivo editou un folleto onde as igrexas románicas soberinas son descritas cun nivel de detalle ata agora non utilizado nos folletos dedicados aos templos medievais da zona.
A publicación, titulada Unha visita ao románico de Sober e editada coa axuda da área de Cultura da Deputación, comprende dezaseis páxinas, das que unha boa parte consisten nunha ampla explicación sobre as características xerais da arquitectura e da escultura románicas. As demais seccións analizan cada unha das cinco igrexas de orixe románica do municipio -San Xillao de Lobios, San Vicente de Pinol, San Pedro de Canaval, Santa María de Proendo e San Pedro de Bolmente- mediante gráficos que inclúen pequenos planos destes edificios e numerosas fotografías nas que se indican os seus elementos máis destacados.
O sistema descritivo empregado na publicación axuda a localizar facilmente detalles singulares como as figuras humanas, animais e de seres fantásticos que poden verse nos canzorros e nos capiteis das igrexas de Pinol e Lobios, as que contan cunha decoración escultórica máis rica. Entre estas esculturas destaca polo seu especial valor o conxunto de capiteis do interior da igrexa de Lobios que representan o chamado tetramorfos, isto é, as catro figuras clásicas -león, águia, touro e anxo- que simbolizan aos evanxelistas. Así mesmo, os gráficos permiten recoñecer con claridade as diferentes seccións do interior e do exterior dos templos -que nalgúns casos sufriron reformas e modificacións que fixeron desaparecer a maior parte da fábrica orxinal- e apreciar os elementos de maior interese artístico e histórico, como son as portadas e ventás decoradas.
O folleto pode descargarse integramente na páxina de Internet da asociación, no enderezo Coladodovento.blogspot.com.