O patrimonio máis defendido

LEMOS

A Xunta aprobará en breve a área de protección da igrexa de Ribas de Miño, unha figura que ata agora só se aplicou a unha parte dos monumentos BIC do sur lucense

05 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O Consello da Xunta aprobará en datas próximas a delimitación do contorno de protección da igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño, segundo anunciaron fontes da Consellería de Cultura. Con esta medida concluirá a tramitación dun expediente incoado o ano pasado, que completa a protección legal deste destacado templo románico do Saviñao. Con este xa son catorce os monumentos do sur lucense que contan cun contorno específico de protección. Nestas áreas, que se crean en torno aos monumentos clasificados como ben de interese cultural ou BIC -a máxima figura legal de protección- é necesario obter un permiso de Patrimonio para realizar calquera obra ou intervención que poida alterar os valores históricos ou estéticos do entorno.

As comarcas de Lemos, Chantada e Quiroga contan con 32 monumentos clasificados como BIC nos inventarios oficiais de Patrimonio, pero en menos da metade dos casos se delimitou en torno a estas construcións a correspondente área de protección. Segundo explican desde a consellería, «os BIC que aínda non teñen completo o seu expediente están en situación de estudos previos e Patrimonio decidirá no seu momento acerca da creación de áreas protexidas en torno a eles».

Casos diferentes

A situación dos BIC da zona sur, no que respecta ao seu nivel de protección legal, é diferente segundo os casos. Hai monumentos nos que o contorno de protección foi delimitado xa hai tempo, como as igrexas de Chouzán, en Carballedo, e Atán, en Pantón. Noutros casos, a creación do contorno protexido aínda está tramitación, como a da igrexa de Ribas de Miño ou as mámoas de Santa Mariña do Incio. Por último, están os monumentos nos que este proceso de delimitación non comezou, nin se sabe cando pode iniciarse, aínda que nalgúns casos teñen protección oficial desde hai moitos anos.

Os bens de interese cultural desta zona, por outro lado, teñen tamén un nivel de popularidade moi diferente Na lista figuran monumentos ben coñecidos e incluídos nas rutas turísticas habituais, como a fortaleza de Monforte, o mosteiro de Ferreira de Pantón ou as igrexas románicas de Ribas de Miño, Diomondi, Cangas ou Eiré. Pero tamén hai construcións históricas cuxa existencia está moi pouco divulgada, como as torres de San Román ou Vilar de Eiriz, en Chantada. Unha delas, a casa torre da Grixoá, en Carballedo, deu pé hai anos a que se presentase unha denuncia a Patrimonio, cando os seus donos fixeron unhas obras de reforma sen solicitar permiso.