José Quiñoá anima a todos os sarrianos, socios ou non, a participar nas distintas actividades culturais que organizan
23 sep 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Fundada en 1919, a Sociedade Recreativa e Cultural La unión foi en tempos punto de encontro da crema e nata sarriana. A falta dunha década para cumprir o seu centenario e en pleno século XXI, precisaba dun cambio de aires, que chegou con José Quiñoá, elixido presidente da Sociedade hai hoxe tres meses.
-¿En que situación se atopaba a Sociedade cando foi nomeado presidente?
-La Unión estaba perdendo socios. Foron moitas as persoas que se deron de baixa e sen embargo agora temos novos socios e aqueles que se deron de baixa están pedindo que os volvamos readmitir. Cando fun elixido presidente, había 480 socios e agora somos arredor de 500. Trátase dunha sociedade aberta, que estamos tratando de actualizar e invito a todos os veciños de Sarria a que se fagan socios para mellorala xuntos.
-¿Que retos se plantexa?
-O máis importante sen dúbida é aumentar o número de socios e realizar actividades para a xente nova, xa que non debemos esquecer que o futuro da Sociedade La Unión está na xente nova. Iso si, sen retirar aos maiores.
-¿Que actividades teñen en mente para captar a ese público novo?
-Estamos pensando en adecuar as instalacións nos xardíns para que poidan xogar os máis pequenos e programar distintas actividades para eles, de maneira que os matrimonios novos se animen a achegarse ata aquí. Tamén nos gustaría crear un grupo de teatro, que algo que non hai en Sarria, e estamos barallando a posibilidade de organizar un ciclo de cine con distintas proxeccións para atraer aos máis novos. Para as parellas non tan novas organizaremos bailes de salón.
-¿Que actividades se desenvolveron nos tres meses que leva como presidente?
-Organizáronse as actividades clásicas de todos os veráns, entre elas o baile de San Xoán, a cena de gala, outra cena máis popular e os bailes tradicionais dos sábados amenizados por unha orquestra. Debo dicir que todas elas gozaron dunha gran acollida por parte dos socios.
-Pero La Unión non só é unha sociedade recreativa, tamén é un punto de encontro cultural...
-Así é. No mes de agosto leváronse a cabo seis conferencias, un taller de poesía e outro de fotografía, nos que participaron Barreiro Rivas, Antón Fortes e Xurxo Lobato, entre outros. Tamén repartimos entre os socios A memoria en imaxes. Sarriáns de onte e de hoxe a través da historia, un libro editado por La Voz de Galicia co financiamento do Concello de Sarria e Cementos Cosmos, que foi todo un éxito.
-A publicación dese libro foi posible grazas ao arquivo fotográfico de La Unión...
-Así é. Na sociedade contamos cun arquivo de imaxes con máis de 3.000 fotografías de todos os tempos. E a partir da publicación dese libro achegáronse moitas persoas que posúen fotos antigas e que están interesados en cedelas para ampliar este arquivo.