«O teatro supón moitos sacrificios e desgustos, pero sempre compensa»

Iolanda Fernández

LEMOS

11 sep 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Xoán Laxe (Lugo, 1968) é o director de Nova Escena, un grupo de teatro nado nun dos obradoiros do Centro Social A Milagrosa e que, hoxe en día, é o esqueleto da Asociación Cultural-Teatral do mesmo nome.

-Nova Escena defínese como un grupo de teatro amador...

-Todos os integrantes do grupo de teatro somos afeccionados. A nosa formación non está regrada, aínda que acudimos sempre que podemos a cursos de formación, un deles é o Teateatre. Para ensaiar e preparar as obras reunímonos dúas veces á semana no Centro Sociocultural de Frigsa, nunha aula cedida polo Concello.

-¿Como son eses ensaios?

-Eu non exerzo de profesor. Máis ca ensinar, dirixo. A clave está na aprendizaxe colectiva, á que se lle suman os coñecementos teóricos, o tesón, a paciencia e uns cantos anos de experiencia. Aínda que no teatro a experiencia é un grao, non o é todo.

-¿Que obras teñen agora mesmo en cartel?

-«Cinco Mulleres co mesmo Vestido», de Alan Ball, e unha obra propia, «Pensión 13». É curioso, pero a maior parte das representacións soen ser fóra da provincia de Lugo. Os festivais e as mostras tamén son un outro punto de encontro.

-¿Que ten o teatro para que guste tanto?

-Este mundillo supón moito traballo diario, moitos sacrificios e desgustos, pero hai «algo» que fai que todo iso compense.