Os nenos de Monforte puideron mirar o mundo a través do corazón das árbores onte na praza de España, onde Anxo Moure e a súa ciclobiblioteca estiveron unha parte da tarde. Na súa visita, este chantadino, que se define como un educador ambiental, non como un artista, compartiu cos máis cativos contos e historias que tiñan como fin último chegar ao corazón dos nenos e descubrirlles a natureza. Xa leva 420 sesións dende que comezou xaneiro e espera superar o seu récord persoal, situado en 580 actuacións o ano pasado. Dedícase profesionalmente a isto e parte dos cartos que gaña destínaos á ONG Bicis pola paz, para financiar bicicletas en países de Latinoamérica e África. O seu é un plantexamento cunha dinámica diferente como animación, xa que emprega o conto como ferramenta pedagóxica. «Considero que é así como deben facerse as cousas, a través da educación e de chegar ao corazón dos cativos» sinala Anxo Moure. E para iso xoga con distintas metáforas que os nenos comprenden perfectamente. Aínda que haxa un só pícaro, el cóntalle un conto, porque non busca a cantidade, senón a calidade. E hai que dicir que o consegue. Curiosamente é nos concellos pequenos onde máis xente soe haber. Normalmente intenta facer os últimos quilómetros pedaleando. Antes de pasar por Monforte, estivo na Pobra do Brollón e despois marchou para Sober, onde o esperaban un grupo de nenos desexosos de viaxar polos bosques cos seus contos. Pola praza de España de Monforte apareceron o carballo con botas, Chinchanciño de Chantada ou o lobo Garabelos para axudar aos nenos a limpar o bosque, plantar árbores e aprender a reciclar o seu propio corazón. Despediuse dos cativos como un amigo que planta árbores nas botas vellas e que tamén as abraza, non sen antes darlles unha volta, e esta vez non imaxinaria, na súa ciclobiblioteca pola praza.
E non baixamos da bici, porque en Bóveda celebráronse onte pola tarde as primeiras xornadas técnicas de iniciación á bicicleta de montaña, organizadas pola agrupación deportiva A Ponte Vella. As xornadas incluíron leccións teóricas e unha ruta didáctica.
En Chantada celebrouse onte tamén pola tarde un torneo de xadrez no casino da vila, organizado polo Círculo chantadino de xadrez. Participaron un total de 24 adultos e 7 nenos na categoría sub-10. Os xogadores pertencían ao club de xadrez de Celanova, o Círculo chantadino, o club da Estrada, o Universitario de Ourense, o club de Silleda e o club de Lalín.