Levantamento en Betote

Xaime López Arias

LEMOS

Unhos 300 labregos enfrentáronse as autoridades para non pagar os impostos en 1870. Houbo un morto e feridos graves

31 ago 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Novembro de 1870 non foi un bon mes para Sarria, e máis en concreto para a parroquia de Betote. Os cidadáns negábanse a pagar os impostos e había un ruxe ruxe de insurrección que propiciou que, a petición do alcalde, o día 3 chegase á vila unha compañía do rexemento de Murcia para axudar ao cobramento do imposto municipal e provincial que querían comezase o día 7 e rematase o 11, e pasado ese prazo anunciaban que se iría con rigor contra dos morosos.

Era alcalde Xosé María de Neira e segundo, Anxo Fernández, que dirixían un Concello Popular formado por Antonio Somoza, Manuel de la Vega, Antonio Macía, Antonio López, Antonio Buján, Fructuoso Rodríguez, Xoán Sarry, Antonio Peña, Xosé López, Xosé Lois Rivas, Xoán Antonio Ulloa e Ramón Moreira.

O día 12 o alcalde comunicoulle ao Gobernador Civil. «Dando principio hoxe, por ter expirado onte o prazo para o pagamento do imposto, ao apremio de primeiro grao, na parroquia de San Vicenzo de Betote, debo participar que naquel acto houbo por parte dos seus veciños conato de atentado contra o executor e non puido levar adiante o seu cometido. O xefe da compañía de Murcia comunicoume que non ter orde de saír da vila a prestar os servizos necesarios».

As cousas empeoraron o 13 e o alcalde contouno nun novo comunicado. «En vista da resistencia oposta polos veciños de Betote, e despois de remitir ao xulgado unha certificación do actuado e sucedido dispuxen que o executor volverse na madrugada de hoxe para realizar as dilixencias indicadas, acompañado do tenente da Garda Civil cos dez individuos do corpo destacados nesta vila e de 25 homes da compañía de Murcia, quedando o resto de forzas apostadas. Constituídos no dito punto, reproducíronse algúns dos excesos cometidos no día de onte, que dominou con acerto e enerxía o xefe da Garda Civil, traendo detido a un dos alborotadores, que foi entregado ao xulgado». Tamén informaba que un dos más fortes opositores decidira pagar, así como outros veciños, polo que manifestaba a súa seguridade de que o día seguinte todo transcorrerá con normalidade.

O día 14 as cousas non resultaron como o alcalde pensaba e tivo necesidade de mandar un mensaxe no que informaba da necesidade de abrir fogo contra grupos de paisanos armados, con un resultado de un morto, tres feridos e moitos presos. Tamén pedía reforzos para controlar a situación.

Os acontecementos comezaron as 10 da mañá cando os Gardas Civís e a compañía de Murcia se atoparon con centos de paisanos que querían entrar en Sarria a libertar os presos.

Os labregos daban voces de adiante e berraban ameazas, ao tempo que trataban de provocar á forza, aos que chamaban covardes, ata que de súpeto se escoitou un disparo de arma. O alcalde contouno así. «Acometida a forza por máis de 300 homes os xefes decidiron romper fogo contra os sediciosos, conseguindo dispersalos en breve tempo e deixando no campo un morto e tres feridos, dous de gravidade e moitas fouces e paus, presumindo tamén que entre os fuxidos ían tamén 12 feridos, sendo presos 30 destes, que entreguei no xulgado». O rexedor tamén loubaba a actuación das forzas de seguridade.

O 5 de decembro o alcalde dirixiulle un escrito ao gobernador para mostrarlle a súa gratitude polo «tino e acerto con que eficazmente auxiliou a miña autoridade».