Buscando viños «Parker»

Natalia Díaz

LEMOS

A asociación de sumilleres Gallaecia seleccionou onte as marcas que optarán ás súas distincións anuais

23 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A asociación de sumilleres Gallaecia celebrou onte no parador de turismo de Monforte a cata na que seleccionaba os caldos que incluirá na edición 2008-2009 da guía de viños, augardentes e adegas de Galicia. Un grupo de catadores formado por seis homes e dúas mulleres, todos eles membros da asociación de sumilleres Gallaecia, degustaron ao longo da mañá 11 brancos e 43 tintos.

A cata transcorreu nun clima de máxima concentración e silenzo no salón Ducal. Os expertos saboreaban os viños en quendas de seis mostras. Unha vez rematada cada quenda, os catadores baleiraban o contido das copas, enxaugábanas con auga e voltaban a baleiralas. Para quitar o sabor, os catadores dispoñían de pan sen sal e levadura.

Os viños incluídos na cata foron servidos un grado por enriba da temperatura óptima de consumo.

A medida que ían degustando os viños, os catadores apuntaban as súas apreciacións nunha ficha de catas onde valoraban distintos parámetros. En canto á vista, avaliaron a limpidez e o aspecto, mentres que no olfacto, valoraron a franqueza, a intensidade e a calidade. E no gusto avaliaron a franqueza, a intensidade, a persistencia e a calidade dos viños. Tamén determinaron a harmonía e fixeron unha apreciación global de cada unha das mostras.

Luís Paadín, membro da asociación de sumilleres de Galicia e coordinador da cata indica que «se necesita mucha concentración, ausencia de distintos ruídos y estar pendiente de lo que se está haciendo». Calquera persoa, salvo que padeza un defecto conxénito que llo impida, pode ser catador de viños e así o confirma Paadín: «no es necesario disponer de un don especial, es cuestión de práctica, como otro oficio cualquiera» e engade «el autodidactismo no sirve absolutamente para nada, es cuestión de practicar pero sobre todo con personas que sepan más que uno mismo».

A próxima cata, na que se incluirán as mostras seleccionadas das distintas denominacións de orixe galegas, celebrarase os vindeiros 26 e 27 de agosto no Pazo de Mariñán, na Coruña.