A comisión do San Xoán en 1969 fixo un chamamento aos veciños para sufragar o déficit por culpa da corrida
29 jun 2008 . Actualizado a las 02:00 h.O 28 de xuño de 1969 diante do mal resultado económico sufrido na organización dos festexos taurinos das festas do San Xoán, a comisión de touros fixo un chamamento á xenerosidade dos sarriaos para que voluntariamente fixesen aportacións que permitisen enxugar o déficit millonario.
Despois de repartir un escrito anunciando o seu propósito a comisión visitou as casas da vila, e os sarriaos botaron man dos petos e o que puidera ser un descalabro económico saíu ben, co ton agridoce de que, en definitiva, moitos sarriaos pagaron por non ter ido aos touros.
Para espelir a solidariedade saíron a rúa o alcalde, Xesús Vázquez, e os demais membros da comisión: Álvaro López, Ezequiel Rodríguez, Dimas González, Xosé Penela, Manuel Sobrado, Dositeo Somoza, Guillermo Vázquez, Ricardo González, Carlos Díaz, Antonio Valcárcel, Mateo Robles e Xaime González.
Na súa presentación deixaron escrito: «A poucas datas da celebración dos extraordinarios festexos taurinos que tiveron lugar nesta vila nas festas patronais e con ela todos os seus habitantes vibran aínda do contento e a alegría que as mesmas en xeral produciron e que marcaron un fito glorioso para o rexurdimento da mesma, que hoxe conta con sona a escala nacional e mesmo máis aló da nosa xeografía patria». Supoñendo a veciñanza enterada dos problemas que houbera (orden gobernativa de suspensión da corrida, xestións de urxencia, levantamento popular incluído) dicían que «grazas á tenacidade e a colaboración total do pobo de Sarria víronse coroados co máis rotundo trunfo, podendo asegurarse que estes días permanecerán no recordo de todos por tempo inmemorial, debendo polo tanto sentirnos orgullosos de ter acadado tan grande empresa».
O feito de que todos os xornais publicaran a suspensión da corrida, e aínda que a posteriori se conseguiu aprobación recorrendo as máis altas instancias ministeriais, e que na TVE se dera como grande nova a da autorización conseguida in extremis, houbo un grande déficit na venda de entradas, de maneira que malia a que os membros da comisión cubriron inmediatamente o desfase, xunto con algunha outra persoa tendo en conta todos os aspectos en xogo acordaron dirixirse ao pobo para que se eliminase o déficit mediante unha cantidade que en principio foi calculada en 2.000 pesetas (ou o que mellor considerara cada veciño).
Para a recollida de fondos abriron contos nas entidades da vila e indicaron que si o reunido excedía do necesario, as aportacións serían reducidas na parte proporcional correspondente, comprometéndose ademais a facer públicas as relacións de doantes e a liquidación.
Aquela programación contou coa presenza dos Guerrilleiros, que era como se coñecía aos toureiros Palomo Linares e El Cordobés e que deu lugar a unha serie de episodios épicos nos que saíu reforzado un certo concepto de sarrianidade.