A xoia romana de Pantón

LEMOS

O Museo de Lugo destaca nunha publicación a valiosa e pouco coñecida estela de Atán, achada hai 18 anos

21 jun 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Unha das pezas arqueolóxicas máis notables achadas ata agora no sur lucense, o relevo de Atán, é tamén unha das menos coñecidas. O Museo Provincial de Lugo, que a garda na actualidade, levou onte a cabo unha iniciativa para divulgar o seu coñecemento, repartindo entre os seus visitantes unha lámina que a reproduce, acompañada dun texto explicativo da historiadora Ofelia Carnero Vázquez. A publicación forma parte dunha serie denominada Cartafol do Museo , editada con motivo do 75 aniversario da institución.

O relevo de Atán foi encontrado en 1990 nesta parroquia do Pantón -célebre pola súa igrexa románica de Santo Estevo- nun terreo de labor. En maio de 1993 foi depositado no museo lucense pola Consellería de Cultura, despois de que a Xunta o adquirise aos seus propietarios. Atribuída polos especialistas ao século I, a peza escultórica está considerada como unha das mostras de arte provincial romana máis logradas dentro do seu xénero.

Figuras

A peza consiste nunha placa de granito fino esculpida por ambos lados. Trátase por tanto do que se denomina unha estela bifronte e consiste probablemente nunha mostra de arte funeraria. No anverso están talladas dúas figuras humanas sentadas, vestidas con túnicas e mantos ondulantes. A escultura non se conserva íntegra e as dúas figuras están actualmente decapitadas polo que, segundo indica Ofelia Carnero, «non saberíamos dicir se estamos diante dun matrimonio, ou de dúas mulleres, nai e filla». Nas mans portan uns obxectos irrecoñecibles. Algúns investigadores cren que na peza orixinal puido haber unha terceira figura hoxe desaparecida.

No reverso destacan na parte superior dúas figuras, tamén decapitadas, de homes montados a cabalo que portan escudos. Na parte inferior está labrada a figura dun xabaril e outro animal que parece ser unha lebre. Os expertos que examinaron a escultura opinan que estas figuras compoñen unha venatio ou escena de caza, que talvez simboliza a vitoria sobre a morte.