A nova figura de protección ambiental desenvolvida pola Xunta aplicarase en cerca de 11.000 hectáreas repartidas por catorce municipios lucenses e ourensáns
14 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Un total de 10.958 hectáreas repartidas en catorce municipios da Ribeira Sacra conforman unha das tres primeiras zonas de Galicia que adquiren a categoría oficial de paisaxes protexidas por decisión da Consellería de Medio Ambiente. Esta figura de protección ambiental xa fora creada pola Lei de Conservación da Natureza promulgada pola Xunta en agosto do 2001, pero ata agora non fora aplicada a ningunha parte do territorio galego. As outras dúas zonas que inauguran esta categoría son o val do río Navea, en Ourense, e os penedos de Traba e Pasarela, na Coruña, que ocupan unhas superficies considerablemente menores que a da Ribeira Sacra: de 706 e de 217,77 hectáreas, respectivamente.
Segundo a referida lei, reciben a categoría de paisaxes protexidas os espazos que «polos seus valores singulares, estéticos e culturais ou ben pola relación harmoniosa entre o home e o medio natural, sexan merecedores dunha protección especial». O réxime que se aplicará nestas zonas, continúa o texto legal, «estará dirixido expresamente á conservación das relacións e dos procesos, tanto naturais como socioeconómicos, que contribuíron á súa formación e fan posible o seu mantemento».
A nova área protexida ven sumarse ás zonas de protección ambiental incluídas na Rede Natura que foron delimitadas oficialmente no 2001. Unha serie de territorios pertencentes a unha boa parte destes mesmos municipios foron encadrados entón nos chamados LIC ou lugares de interese comunitario do Canón do Sil, o río Cabe e o monte Faro. O primeiro destes LIC esténdese por 5.914 hectáreas distribuídas entre os municipios de Nogueira de Ramuín, Pantón, Parada de Sil e Sober. A segunda zona, de 1.787 hectáreas, divídese entre Monforte, Pantón, A Pobra do Brollón, Sober, Pantón, Bóveda e O Incio. O LIC do monte Faro ten 2.988 hectáreas e afecta aos municipios de Carballedo, Chantada e Rodeiro.
Aínda que o seu obxectivo é tamén a conservación ambiental, as zonas da Rede Natura e as paisaxes protexidas consisten en figuras ben diferenciadas, sinalan desde a Consellería de Medio Ambiente. «Non é que se amplíen as zonas da Rede Natura, senón que se pon en marcha unha nova figura dedicada especificamente á conservación da paisaxe tradicional, que reforzará a protección ambiental da zona», explican.